
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, en materia de Función Pública, cales serán as ofertas de emprego público para este ano 2015 das consellerías de Facenda, Sanidade e Educación; unha convocatoria de emprego público que con 1.163 novas prazas este ano -precisou- vai multiplicar por catro as ofertadas respecto a 2014, e será a maior oferta de emprego público desde o ano 2009.
Máis polo miúdo, e logo de lembrar que o pasado ano se aprobou unha convocatoria de case 275 prazas, Feijóo explicou que das 1.163 novas prazas para 2015, 446 se corresponden con persoal docente, 344 serán para persoal sanitario, e 373 para persoal da Administración xeral. En próximas datas, agregou, concretaranse por sectores e especialidades como van ser distribuídas, unha vez se negocien cos sindicatos.
No caso das 446 prazas de Educación, o responsable do Goberno galego subliñou que a proposta da Xunta é que 432 sexan para o corpo de mestres e 14 para Inspección Educativa. Canto ás 373 prazas da Administración xeral, explicou que 265 serán de quenda libre e 108 de promoción interna. Esta oferta comprenderá, entre outras, áreas como a loita contra a fraude fiscal, o asesoramento xurídico, a informática, os gardacostas, as ensinanzas náuticas, a veterinaria, a inspección urbanística ou os axentes ambientais. Por outra banda, no tocante á oferta de emprego no servizo Galego de Saúde, indicou que será de 344 prazas, a maioría destinadas a persoas facultativo e de enfermaría.
Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego cunha Administración Pública ben dimensionada, moderna e eficaz, e con ese obxectivo -dixo- a Xunta aprobou a Lei de Emprego Público; está a facilitar a mobilidade dos funcionarios impulsando concursos de traslados e implantando, por primeira vez na comunidade autónoma, o teletraballo; e convoca novas prazas de emprego público, como as previstas para este ano 2015.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.