
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, explicou que a Xunta de Galicia está a reforzar as sociedades de garantía recíproca (SGR) Sogarpo e Afigal co obxectivo de impulsar o financiamento de máis de 7.000 empresas galegas, fundamentalmente pequenas e medianas empresas.
Muñoz Fonteriz presidiu en Santiago a presentación do Acordo de colaboración para o impulso do financiamento empresarial a través das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo. No acto participaron tamén representantes de Abanca e das dúas sociedades de garantía recíproca, Sogarpo e Afigal.
Neste marco, o Executivo galego destinará 2 millóns de euros para reforzar o labor das SGR no financiamento de proxectos empresariais a través do convenio entre as sociedades de garantía recíproca, as entidades financeiras e a Xunta.
A titular de Facenda explicou que esta achega reforza os fondos de provisións técnicas das SGR, básicos para que poidan seguir avalando ao tecido empresarial galego, de xeito que as pemes poidan ter nelas unha fonte de garantías diante das entidades financeiras e obter así financiamento operativo.
O acordo permite un incremento do 30% no volume do crédito avalado nos próximos catro anos, co fin de contribuír a paliar as dificultades que teñen as pemes no momento de acceder ao financiamento para impulsar novos proxectos.
Ademais, segundo expuxo a conselleira, acordos coma os que presentamos hoxe reforzan o papel das SGR para poder achegar músculo financeiro a aquelas empresas de menor tamaño, que son as máis necesitadas de crédito para poder manterse e medrar.
Así, destacou que o papel das sociedades de garantía recíproca é clave para facilitar o acceso ao crédito ás pemes, mediante a presentación de avais ante as entidades bancarias e as administracións públicas. Realizan un labor fundamental para o mantemento e fortalecemento do tecido empresarial galego, apuntou, tras lembrar que estas entidades teñen unha traxectoria de máis de tres décadas en Galicia, e que contan cun profundo coñecemento das pemes, do seu entorno e, por tanto, da evolución do risco peme, tanto sectorial como xeográfico.
Elena Muñoz Fonteriz sinalou que, con este tipo de acordos, a Administración autonómica busca dar un novo paso para osixenar á pemes, que constitúen o corazón económico de Galicia, xa que representan o 99% do tecido empresarial galego; e deben ser as grandes protagonistas da consolidación de Galicia como potencia innovadora e exportadora.
Neste contexto, a titular de Facenda subliñou o éxito dos continuados acordos entre o Igape e as sociedades de garantía recíproca dende o ano 2002, habilitando todo tipo de ferramentas conxuntas. Así, desde o ano 2009, o Igape respaldou case 5.000 avais a empresas das SGR, que suman 200 millóns de euros.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.