
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou a aposta da Xunta pola innovación, unha aposta de país, dixo, para unha Galicia ambiciosa que non se conforma e quere crecer.
Durante unha visita ao viveiro de empresas do Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle, onde clausurou a Demo Day da segunda edición de ViaVigo, Feijóo afirmou que a innovación seguirá a ser un dos tres grandes eixos da política económica do Executivo galego, xunto co pulo industrial, recollido na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, e a busca de novos mercados, promovida a través da Estratexia de Internacionalización.
A innovación non é un gasto é un investimento, aseverou, e lembrou que este é o principio que puxo en marcha a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), coa que se recollen as prioridades da innovación galega de aquí a 2020 e que permitirá á Comunidade mobilizar 1.600 millóns de euros en investimentos innovadores.
Nesta liña, salientou que a Xunta apoiará con ata 75.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados dentro da iniciativa ViaVigo, porque cremos que proxectos como estes hai que apoialos con financiamento a fondo perdido e tamén a través de créditos, explicou.
Conscientes de que as necesidades dos emprendedores non se reducen a unha cuestión financeira, o responsable do Goberno galego destacou a importancia de ofrecer tamén asesoramento acompañándoos coa Unidade Galicia Emprende que xa leva aconsellado a máis de 250 proxectos.
Así mesmo, referiuse ao compromiso da Xunta coa formación, a través de programas para estimular o espírito emprendedor e nos que levan participado máis de 5.000 alumnos.
O presidente do Goberno galego destacou o traballo da Zona Franca de Vigo para desenvolver iniciativas como ViaVigo, na que tamén participa a Xunta, e avanzou o obxectivo de estender esta iniciativa a Lugo e Ourense, para que tamén teñan o seu propio proxecto de aceleradora de empresas. Non en van, resaltou que no Concello de Vigo creáronse 736 novas empresas en 2014, un 13,6% máis que en 2013; e, no conxunto da comarca, o incremento foi de case un 11%.
O titular da Xunta concluíu a súa intervención destacando o talento dos participantes, un talento que, segundo aseverou, non se pode desaproveitar, e que hai que seguir formando para poñer ao servizo da sociedade.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.