
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou que a elección de Navantia, por parte de Iberdrola, para o desenvolvemento do proxecto de eólica mariña de Wikinger amosa a competitividade do estaleiro abrindo as portas á diversificación industrial, tanto da compañía pública como de Ferrolterra.
Neste sentido, Conde destacou a importancia dunha moi boa noticia polo impacto directo que ten en termos de investimento e de emprego na comarca de Ferrol. Así, o proxecto permitirá a participación de Navantia nun contrato por valor de case 90 millóns de euros e que xerará máis de 600 empregos durante os próximos 20 meses.
O estaleiro público, incidiu o conselleiro, dispón dunha importante oportunidade de diversificación nun mercado estratéxico como é o da enerxía offshore. Neste escenario, proseguiu, Navantia debe seguir traballando para impulsar a súa política comercial, ao igual que o resto de estaleiros privados, e nese esforzo os seguiremos acompañando.
O titular de Economía e Industria sinalou que este éxito se suma aos diferentes contratos que os estaleiros privados acadaron tamén esta semana, de forma que o naval galego segue a consolidar a súa recuperación.
Así, no caso concreto de Navantia, os estaleiros públicos de Ferrol teñen pedidos por máis de 600 millóns de euros. Unha cifra que se une á dos estaleiros privados, que están negociando ou xa materializaron novos contratos por máis de 800 millóns. Nestes momentos xa hai máis de 1.400 millóns de euros contratados e en desenvolvemento en Galicia vinculados con sector naval, sinalou Conde.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.