
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou que Galicia e o Norte de Portugal elaborarán a primeira Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 conxunta da Unión Europea, o que suporá unha dobre oportunidade: o desenvolvemento de proxectos concretos para os sectores produtivos, e a capacidade de acceder a fondos comunitarios do programa Horizonte 2020.
Neste sentido, Conde, que inaugurou en Baiona o I Foro Anual RIS3 GaliciaNorte de Portugal no que se iniciou o traballo para elaborar o documento, destacou as oportunidades e sinerxías que ofrece a colaboración transfronteiriza para optar aos 10.000 millóns de euros que reserva Europa, no marco do programa Horizonte 2020, para as rexións que cooperen.
O establecemento da RIS3 galaico-portuguesa permitirá que o Norte de Portugal e Galicia opten con moita máis forza a fondos comunitarios, o que multiplicará a nosa capacidade de investimento, xa impulsada no caso de Galicia polos 1.600 millóns de euros que mobilizará a nosa propia Estratexia, incidiu o conselleiro.
Nesta tarefa participarán axentes dos sistemas de innovación de ambos territorios para que, como xa sucedeu coas RIS3 individuais tanto de Galicia como do Norte de Portugal, o resultado sexa unha estratexia de todos para todos, sinalou Conde. O obxectivo é que antes de que remate o primeiro semestre de 2015, destacou o conselleiro, non só se presente a nova RIS3 da Eurorrexión, senón que se activen os primeiros proxectos estratéxicos conxuntos.
A base para facer esta RIS3 serán as estratexias que cada rexión xa elaborou por separado, e que teñen moitos puntos en común. Así, a Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, destacou o conselleiro, permitirá a Galicia e o Norte de Portugal abordar proxectos conxuntos naqueles áreas nas que sumemos capacidades científico-tecnolóxicas de vangarda, necesitemos unha masa crítica de empresas e investigadores á que nos sexa máis sinxelo chegar entre ambos, e sexamos capaces de acadar unha competitividade global.
Entre os eidos dunha posible acción conxunta, Conde destacou a valorización dos recursos do mar, por exemplo para a obtención de novos biocombustibles; a modernización do sector agrícola; o desenvolvemento de tecnoloxías de enerxía undimotriz e offshore; a modernización do sector do turismo e das industrias culturais a través das TIC; a diversificación de sectores estratéxicos como o da automoción para acceder a industrias de alta tecnoloxía como a aeronáutica; o impulso a industrias estratéxicas como o téxtil a través do desenvolvemento de novos materiais; a incorporación das tecnoloxías facilitadoras como a nanotecnoloxía ou os materiais avanzados; a innovación nos procesos produtivos para avanzar cara a fábrica intelixente; e os alimentos funcionais para impulsar a vida saudable de portugueses e galegos.
Traballar xuntos en todos estes eidos é algo inédito na historia compartida de Galicia e o Norte de Portugal que nos permitirá máis competitividade para as nosas pemes, máis captación de investimentos innovadores de grandes empresas, máis oportunidades para impulsar o talento dos nosos centros de coñecemento ao servizo do sector produtivo,e polo tanto máis crecemento e máis e mellor emprego, defendeu Conde, que destacou os éxitos que a cooperación transfronteiriza xa ten permitido acadar ao Norte de Portugal e Galicia.
Son máis de 70 proxectos, indicou, os que ambas rexións puxeron en marcha de maneira conxunta durante o último ciclo orzamentario europeo, entre 2007 e 2013, aos que se suman aos fitos dos proxectos de colaboración que incluíron aos Gobernos centrais de ambos países, como o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, que nos está a poñer á cabeza do desenvolvemento dunha das áreas científicas máis prometedoras desde o punto de vista médico, empresarial e industrial, destacou o conselleiro.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.