
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle no Centro Galego de Arte Contemporánea a presentación do disco-libro Doce canciones gallegas, un traballo da soprano Begoña Salgueiro e do pianista Brais González que achega música contemporánea con textos poéticos clásicos da literatura galega.
A Consellería colabora e participa o día 12 de febreiro, ás 20:00 horas, na presentación do proxecto, dado ao prelo por Andavira. Ademais dos representantes de Cultura e Educación, está previsto que tamén interveñan na presentación a propia soprano Begoña Salgueiro, o pianista Brais González, e o resto de persoas que participan nesta publicación: os profesores Luís Costa e Xosé Carlos Bernárdez, e a artista plástica Menca Estévez. O acto pecharase coa interpretación de Aureana do Sil e As froliñas dos toxos, a cargo de Salgueiro e González.
O libro-CD, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, é froito dun traballo de investigación e creatividade multidisciplinar e aporta como principal novidade a gravación conxunta dos doce temas. Isto supón a recuperación e difusión dun importante patrimonio poético-musical, practicamente descoñecido para o público galego.
De maneira concreta, Doce canciones gallegas reúne poesías de autores galegos do talle de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela e Xosé Ramón e Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), musicadas por diversos compositores españois da segunda metade do século XX como Frederic Mompou, Xavier Montsalvage, Jesús Guridi, Eduard Toldrà ou Joaquín Rodrigo, entre outros.
Doce canciones gallegas fíxose orixinariamente realidade grazas ao empeño do crítico musical galego, Antonio Fernández-Cid, quen acadou que a Deputación ourensá encargara doce pezas musicais a algúns dos máis destacados compositores de mediados do século XX. As pezas foron estreadas o 15 de xuño de 1951 pola soprano Carmen Pérez Durías e a pianista Carmen Díaz Martín na cidade de Ourense. As mesmas intérpretes foron tamén protagonistas da estrea madrileña, que tivo lugar unha semana despois, o 22 de xuño, baixo o patrocinio do Centro Galego.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.