Noticias

Mensaje de Fin de Año: Feijóo apela a la responsabilidad y fiabilidad de Galicia para afrontar los retos de 2014 en un recuerdo permanente a las víctimas del accidente de tren de Angrois

"Galicia, en definitiva, é responsable e fiable". Así resumía el presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, los avales con los que la Comunidad gallega pretende afrontar los retos del año 2014, manteniendo el "espíritu de Angrois" que, según Feijóo, identifica los valores de los gallegos en tiempos de dificultades.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia: Mensaje de Fin de Año del presidente

Estamos no Centro de Transfusión de Galicia, no mesmo lugar onde a noite do 24 de xullo, miles de galegos responderon ante a maior catástrofe da nosa historia cun exemplo e o fixeron dunha forma da que nos sentimos orgullosos.

Quero que as primeiras palabras sexan de recordo para as persoas falecidas na traxedia de Angrois, de alento para as súas familias nestas datas tan sinaladas.

Pero quero tamén acordarme das galegas e dos galegos que aquela noite se achegaron ata aquí para doar o sangue que necesitaban os feridos, así como de todos os que dun ou doutro xeito colaboraron, axudaron, ou cumpriron co seu deber de socorrer aos afectados. Aquela fatídica noite vimos unha Galicia a disposición de Galicia.

A miña presenza aquí é unha maneira de renderlle homenaxe a todos os que, dende este mesmo lugar, demostraron que o noso é un pobo solidario e un pobo unido. Grazas de todo corazón.

Galicia amosouse, coma sempre o fixo nos momentos difíciles, como unha familia grande que camiña xunta dende tempo inmemorial, e quere manterse xunta no futuro. Sabemos de onde viñemos, sabemos onde estamos e sabemos a onde imos.

Nestes días de xuntanza, os galegos temos a sorte de congregar en torno á mesma mesa diferentes xeracións. Ninguén máis apto que os nosos maiores para lembrarnos que ningún tempo pasado foi mellor. As súas lembranzas axudan a entender con perspectiva a encrucillada na que se atopa o noso país. É unha situación difícil que esixe esforzos e sacrificios. Mais aló das estatísticas, a crise afecta a persoas que ven en perigo as súas posibilidades, en risco o seu proxecto vital. Quen ten responsabilidades públicas nin pode ignorar eses dramas que están ao noso redor, nin pode enganar a xente afirmando que as solucións son simples. Non o son.

Cómpre dar respostas que non sexan efémeras, que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade desa idea común que chamamos Galicia. A gran diferenza entre estas turbulencias e as que tiveron que padecer os que nos precederon, é que a nosa terra non está soa, nin carece de ferramentas propias para erguerse de novo. Formamos parte dun mundo que soubo conciliar liberdade e desenvolvemento. Compartimos con ese mundo desafíos, inquedanzas e medidas destinadas a preservar un modelo de vida que queremos para nós e para os que nos han de suceder.

Preservalo non é posible co inmobilismo. Todo o que conseguimos na democracia pode morrer se non somos quen de axustalo ás novas necesidades. Estámolo facendo con decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia.

A súa responsabilidade non lles permite negar teimosamente os problemas ou pospoñer temerariamente as solucións. A nosa, tampouco. Eles queren para os seus o mellor dentro das condicións que veñen impostas pola realidade. Nós, tamén.

En vésperas da chegada do novo ano, Galicia pode ollar a recuperación coa confianza que dá o deber cumprido. Temos logrado que o substancial da Autonomía do benestar estea intacto, e todos os galegos poden ter confianza plena na solvencia e na continuidade dos Servizos Públicos. Este Centro de Transfusión de Galicia, que xustamente este ano 2013 cumpriu o seu 20 aniversario, é exemplo dun modelo público de benestar en pé dende hai moito tempo e que, malia a crise, estamos sendo capaces de manter e de mellorar.

Ademais diso, o noso país ofrece unha estabilidade social e política que contrasta con aventuras que levan a outras comunidades á división e á incerteza. Para a nosa idiosincrasia, non é doado entender que as institucións sirvan para crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles.

Crear frustración non é o obxectivo da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos seguimos outro tranquilo.

A nosa identidade é tan forte como calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin fomentar o illamento. Vemos en España unha patria común e solidaria, e en Europa un marco de convivencia compartido.

Non receamos dos veciños, senón que sempre vemos neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é responsable e fiable.

Así o ven aqueles que nos últimos tempos decidiron compartir con nós a súa enerxía. Galicia é unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos. A chegada de investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional.

Certamente, non creo que sexa casual que boa parte deses capitais proceda de nacións onde a nosa xente sementou un prestixio que poucos outros pobos teñen. Saben como somos e cren en nós e nas nosas capacidades.

Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia. Cumprimos así un dos requisitos fundamentais para iniciar a fase da recuperación. Ese recoñecemento internacional certifica que a sociedade galega está facendo ben as cousas.

Esa aposta por nós de compañías habituadas a avaliar con precisión as posibilidades dun territorio, evidencia que estamos no bo camiño. Os esforzos non son estériles.

Dicir a verdade é o primeiro mandamento dun gobernante. Cando Galicia iniciou a súa ofensiva contra a crise, o diagnóstico non admitía paliativos: estabamos nunha situación de emerxencia. Negalo entón era irresponsable. Negar agora que se albisca un novo horizonte, é abonarse a un pesimismo que en nada axuda a reiniciar a senda do crecemento. Europa, España e Galicia están saíndo pouco a pouco da súa convalecencia. Hai que dicilo con tanta prudencia como convicción.

Dicíalles que falarlles dende este Centro de Transfusión é unha maneira de render homenaxe á nosa solidariedade. Ningún galego é alleo para outro galego. Existe entre nós un vencello que nin sequera pode romper a distancia, como o demostra o feito de que Galicia sexa algo presente e vivo na emigración.

O que nos identifica é a capacidade para arroupar o compatriota en dificultades, para socorrer o que precisa da nosa axuda. Non somos un país por estar xuntos, senón por facermos cousas xuntos e axuntarnos fronte á adversidade. O mundo ollou admirado a reacción dos galegos diante da catástrofe ferroviaria de Angrois. Aquelas xornadas quedaron xa inscritas para sempre na nosa historia. Nos lugares máis afastados do mundo, millóns de persoas sentiron que aqueles homes e mulleres que rescataban, coidaban ou consolaban, estaban representando o mellor do xénero humano. Cómpre conservar ese espírito e facer del a nosa divisa. Eu penso que os galegos somos así e queremos seguir sendo así.

Con ese desexo, expreso a miña felicitación a todos. Somos un gran pobo que vén de lonxe e quere ir lonxe. Confiemos en nós. Miremos o futuro con decisión.

Deséxolles boas festas e un 2014 que dea resposta a todas as nosas esperanzas.

Moitas grazas.

R., 2013-12-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES