
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou a feira de artesanía Ofeitoamán, coa que a Consellería de Economía e Industria colabora un ano máis polo seu papel na promoción e comercialización da Artesanía de Galicia. Este evento, que se celebrará en Vigo ata o vindeiro 5 de xaneiro aproveitando a época de Nadal, acolle unha ampla mostra de artigos de produción artesá, localizados en 22 postos.
Ofeitoaman, que se celebra na terraza exterior do Centro Comercial A Laxe en horario de atención ao público de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, está organizado pola Asociación Galega de Artesáns. Os artesáns expositores, que representan actividades tan variadas como a xoiería, o traballo do coiro, os complementos, o tratamento do téxtil, a cerámica ou os xoguetes, son Ardentía, AreladeFe, Artesanía en Plata, Artesave, Cerámica e prata F. Porto, Cerámica Suve, Chueco, Coas Mans Artesanía, Dolmen, Elena Ferro, Encoiros, Laia Zapateiros, Manolo Tojo, Manuel Figueiras Dosil, Mariaventura, Montse Betanzos, Pilar Piñeiro Cerámica, Taller Sur, Varo Caride e Zimzelatum.
Vázquez Abeal, que estivo acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e o presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manuel González, salientou que o apoio a este tipo de mostras forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a mellora da comercialización.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.