
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Goberno galego inclúe no novo decreto de FP a figura do profesor asociado e avanza no recoñecemento mutuo de créditos entre estas ensinanzas e a universidade. O Consello da Xunta analizou un informe sobre o inicio da fase de tramitación do anteproxecto de decreto polo que establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Un texto no que a Xunta traballa desde hai ano e medio e que ten como obxectivo regular en Galicia os ciclos de FP básica, de grao medio e superior, así como os másteres destas ensinanzas, adaptándoas á nova normativa estatal.

Os concellos de Larouco, A Rúa e O Barco de Valdeorras, en Ourense, acollerán os meses de xuño, xullo e agosto a primeira edición do Festival Entre Covas: Festival de Artes e Enoturismo de Valdeorras, organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras. O Festival 'Entre Covas' dará comezo o 20 de xuño na Cova da Xabreira cun espectáculo de maxia; o 18 de xullo será nas covas da Adega Melilla, Joaquín Rebolledo e Alán de Val con distintos expoñentes de música tradicional e, finalmente, o 22 de agosto será a cova das adegas Blare, que acollerá un espectáculo de danza contemporánea. O aforo será limitado debido ao espazo reducido das covas.