
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acollerá do 23 ao 25 de maio o seminario Canles Alternativas de creación, resultado da colaboración entre o grupo de investigación Arte e Estética Contemporáneas, da Universidade de Santiago de Compostela, e o propio museo. Neste encontro temático analizarase a evolución de propostas colectivas de produción cultural catalogadas de alternativas ou independentes que se produciron nas últimas décadas en paralelo á consolidación dun sistema institucional da arte.
Este seminario desenvólvese no marco do proxecto de investigación Canles alternativas de creación experimental. O eixo atlántico (1975-2012), e é resultado da colaboración entre o grupo de investigación Arte e Estética Contemporáneas, da Universidade de Santiago de Compostela, e o Centro Galego de Arte Contemporánea. O seu obxectivo é indagar nas propostas alternativas que se desenvolveron en Galicia e no norte de Portugal dende os anos setenta ata a actualidade. Neste foro participarán membros de colectivos e especialistas deste e doutros contextos peninsulares. Analizaranse casos concretos proxectos e espazos e estableceranse relacións cos seus ámbitos e realidades históricas, dando así continuidade ao primeiro seminario, de carácter teórico, que tivo lugar na primavera do ano 2011.
Este foro está destinado a estudantes, profesionais e persoas interesadas nos ámbitos da creación artística, a historia da arte e a xestión cultural. As solicitudes para asistir pódense presentar na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos ou ben a través do correo electrónico [email protected], indicando os seguintes datos: nome, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo. O prezo da matrícula é de 20 euros par ao público xeral e de 12 euros para os membros da Asociación de Amigos do CGAC, estudantes e desempregados.
Na primeira xornada as conferencias servirán para facer un percorrido polas iniciativas e grupos que, desde os anos oitenta no Estado español e con gran forza desde finais dos noventa no norte de Portugal, contribuíron a debuxar unha historia diferente da arte contemporánea; unha historia moito máis complexa e múltiple do que parecen reflectir os grandes eventos e os museos.
O segundo día abordaranse, coa axuda de especialistas directamente implicados nesa tarefa, as tensións e conflitos que poden provocar a conservación e a posta en valor, por parte das institucións, dos movementos que nos anos setenta e oitenta se caracterizaban por unha xestión colectiva e unha práctica política que fai difícil a súa catalogación.
Na última xornada, co ánimo de establecer unha crítica comparada con aquelas iniciativas históricas, presentaranse diferentes proxectos que na actualidade supoñen unha alternativa aos formatos tradicionais da arte contemporánea, en xeral ríxidos e impermeables. Ben pola súa morfoloxía en rede, pola súa capacidade de autoxestión e independencia, ou pola súa flexibilidade á hora de acoller diferentes contidos, as propostas que pecharán as xornadas servirán sen dúbida para asentar un diálogo necesario con experiencias e contextos que teñen un longo percorrido nos últimos corenta anos.
Doutra banda, o CGAC acollerá o vindeiro 27 de maio o proxecto Sen moverte do sofá, unha serie de talleres de arquitectura para nenos de entre 7 e 11 anos onde se mostrarán as características de diferentes cidades españolas a través das características particulares de cada urbe. A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigarán e intercambiarán información sobre os parecidos e as diferenzas entre as cidades; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos.
O rapaces crearán unha maqueta da cidade de destino (Palma de Mallorca, Madrid, Valencia, A Coruña), para despois construír a escala grande algún dos seus edificios máis emblemáticos. As construcións faranse a partir do Sistema Lupo (do arquitecto Fermín Blanco): unha serie de pezas modulares que permiten múltiples posibilidades de combinacións, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.
Os talleres terán lugar o domingo 27 de maio en Santiago de Compostela, o sábado 9 de xuño en Palma de Mallorca e o sábado 23 de xuño en Madrid. As actividades son de balde e o prazo de inscrición xa está aberto.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.