Noticias

Feijoo Presidente

Alberto Núñez Feijoo xa é o quinto presidente da Xunta de Galicia despois da cerimonia celebrada ás 11 da mañá no Parlamento Galego na que, emocionado, tomou posesión do seu cargo diante de 150 invitados, os catro anteriores presidentes, o Parlamento en pleno, e a presenza do vicepresidente terceiro do goberno, Manuel Chaves. Prometeu o seu cargo, volveu ofrecer diálogo para lograr a igualdade entre os galegos e a prosperidade de Galicia e animou a "arrimar o lombo nos temas nos que compartimos común interese".

Ás 12:30 na Praza do Obradoiro tivo lugar o acto popular complementario do anterior. Os pesos pesados do partido popular -Mariano Rajoy, Manuel Fraga, Fernández Albor, Esperanza Aguirre, Ruíz Gallardón, Ana Pastor, Soraya Sáez de Santamaría-, representantes dos empresarios, das entidades de aforro, numerosos alcaldes, representantes de centros galegos, amigos e familia arrouparon coa súa presenza baixo un ceo que ameazaba choiva ó "Obama galego" (pancarta dixit) na súa primeira comparecencia pública como presidente.

Os 60 membros da Real Banda de Bandas da Deputación de Ourense, dirixidos polo seu titular Xosé Luís Foxo, recibiron ó presidente interpretando a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia. Núñez Feijoo deu, en primeiro lugar, as "gracias" a todos e acudiu á Terencio para lembrar o "nada humano me é alleo". Lembrou ós anteriores presidentes de Galicia, con especial e emocionada mención a quen "durante máis tempo foi o presidente dos galegos", Manuel Fraga, que recibiu a ovación do público e ó que dixo que de novo estaban no Obradoiro para servir a toda Galicia. Lembranzas ós labregos, ós emigrantes galegos nas diversas partes do mundo, ó idioma (proclamando en castelán a convivencia dos idiomas), á igualdade, á innovación, á renovación da administración pública, á recuperación do consenso nos símbolos e especialmente no idioma, con liberdade de elección, á rexeneración democrática e de gobernar para todos, cunha última referencia á persoa rematou co compromiso de ser o presidente de todas as galegas e todos os galegos.

Pechou o acto a cantante de O Incio (Lugo), Lucía Pérez, que acompañada pola Real Banda de Gaitas interpretou o Himno Galego.

O luns celebrarase o primeiro Consello da Xunta de Galicia, e o martes a primeira sesión da lexislatura.

R., 2009-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES