Noticias

Investigadores del Centro Ramón Piñeiro recuperan cabeceras de la prensa gallega en la emigración durante los siglos XIX y XX

Tres libros y dos CDs recuperan informaciones, almanaques literarios y colaboraciones en periódicos y revistas de la época de destacadas personalidades de las letras gallegas como Blanco Amor, Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Cabanillas o Amado Carballo. Las investigaciones permiten la recuperación y puesta en valor de cabeceras con un papel destacado entre los emigrantes, como Céltiga.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López, presentou cinco novos traballos levados a cabo por investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que teñen como nexo común a recuperación de cabeceiras da prensa galega na emigración durante os séculos XIX e XX. O coordinador deste proxecto é Luís Alonso Girgado, que foi o encargado de explicar polo miúdo os contidos dos tres libros e dos dous cedés que se acaban de editar, que inclúen facsímiles e estudos complementarios.

Marisol López felicitou as persoas que participaron nestes proxectos de estudo e recuperación da memoria histórica e, en especial, a Alonso Girgado. Ademais, fixo fincapé na importancia desde o punto de vista histórico e sociolóxico destas publicacións. Do mesmo xeito, destacou o papel do Centro Ramón Piñeiro como referente para a investigación en materia de lingua e cultura galegas, e como espazo de formación para os novos investigadores.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística editou 500 exemplares de cada unha das obras que se presentaron hoxe. Tanto os libros como os cedés poderanse atopar nas bibliotecas públicas e nas librarías, e tamén estarán dispoñibles para a súa descarga na rede.

Os cedés que acaban de ver a luz levan por título Prensa galega de Arxentina (1935-1964) e Escolma de Almanaques Galegos (1865-1929). O primeiro deles reúne mostras de exemplares dun total de cinco cabeceiras de prensa: Coro Brétemas e Raiolas, Abrente, Betanzos, Unión Estradense e Airiños. Estes medios de comunicación contiñan informacións de temática musical ou cultural, entre outras.

Pola súa parte, o cedé Escolma de Almanaques Galegos (1865-1929) reúne 18 mostras de Cuba, Arxentina e Galicia, de Manuel Castro López, Leandro Saralegui ou Soto Freire, da editorial Céltiga ou de medios de prensa como La Concordia ou La Monarquía. Trátase de almanaques de cidades, provincias ou da comunidade galega publicados en Galicia ou na emigración, con estudos, informacións, mostras de creación literaria e crónicas, que van precedidas dun completo estudo introdutorio.

Polo que atinxe aos libros publicados, o volume 1895. Almanaque Gallego constitúe a recuperación dunha obra que viu a luz na Coruña no ano 1894, dirixida por Farruco Lage e Guillermo Díaz. Unha das peculiaridades deste traballo é que está escrito integramente en galego nas máis de 150 páxinas que ocupa. Este almanaque, en formato libro de peto, inclúe textos en verso e prosa e contén achegas de Salvador Golpe, Galo Salinas ou Alejandro Barreiro.

Lérez (Bos Aires, 1962) foi unha publicación do Centro Pontevedrés de Bos Aires conmemorativa do seu vixésimo aniversario. Este traballo permite coñecer interesantes datos sobre a cidade e a provincia de Pontevedra relativos á súa historia, á paisaxe, á industria da pesca, á música, e, ao mesmo tempo, aborda cuestións relacionadas coa lingua e coa identidade política. Tamén a figura de Castelao está presente de forma constante nas páxinas desta publicación.

Por último, Céltiga (Bos Aires, 1924-1932) está considerada unha das grandes cabeceiras da prensa galega na Arxentina, un peso que adquiriu en parte grazas á lista de destacados colaboradores, entre os que figuraban Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Otero Pedrayo, os irmáns Vilar Ponte, Cabanillas, Lugrís Freire, Victoriano Taibo ou Amado Carballo. Na súa nómina de ilustradores, contaba tamén con prestixiosos artistas galegos, como Castelao, Sobrino ou Maside. Os fundadores de Céltiga foron Domingo Rial e Ramón Peña, e dous dos seus directores foron Suárez Picallo e Blanco Amor. Esta cabeceira, de corte eminentemente cultural, distinguiuse en boa medida por asentar un discurso político galeguista moderado e progresista.

Os cinco proxectos que se deron a coñecer hoxe viron a luz grazas ao traballo desenvolvido por Luís Alonso Girgado, Manuel Quintáns Suárez, Élida Abal Santorum e Alexandra Cillero Prieto.

Alonso Girgado é o coordinador do proxecto Recuperación de prensa galega emigrante que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O Real Coro Toxos e Froles outorgoulle recentemente o oitavo Premio Manuel Lourenzo Barja polo seu traballo a prol da cultura galega, sobre todo no campo editorial.

R., 2009-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES