Noticias

El presidente de la Xunta pide destacar lo que nos une para construir una Galicia de todos y para todos

En el último Mensaje de Fin de Año de esta legislatura, el presidente de la Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, hace un llamamiento a destacar lo que nos une para construir una Galicia de todos y para todos. Aprovechó el contacto comunicativo con los gallegos para asegurar que el Gobierno no ahorrará esfuerzos, recursos ni voluntad para superar las dificultades económicas. El presidente reconoce el empeño de los gallegos y gallegas que con su trabajo diario "fan país".

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, chamou a todos os galegos a resaltar, “por enriba das lexítimas diferenzas”, aquilo que nos une porque é o que nos fai “máis fortes e nos proporciona musculatura de país” e é o que nos impulsa “cara á modernidade”. Así mesmo, o xefe do Executivo galego asegurou que o Goberno que preside non aforrará esforzos, recursos ninvontade para superar as actuais dificultades económicas. “Farei canto estea na miña man para anticipar a saída do túnel”, expresou.

Así se pronunciou o máximo mandatario galego na tradicional mensaxe de fin de ano coa que esta noite se dirixiu a todos os cidadáns. Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño quixo manifestar o seu agradecemento a todos os homes e mulleres que integran a “gran familia da galeguidade”. O presidente tivo palabras de agradecemento tanto para os galegos e galegas “que, día a día, fan país”, como para o conxunto de entidades e institucións que conforman e articulan a nosa sociedade civil “e que imprimen vitalidade e dinamismo ao noso tecido social” e para as organizacións representativas dos empresarios e dos traballadores “que, con xenerosidade e amplitude de miras, souberon converter o diálogo social nun fértil campo de encontro, de iniciativa, de corresponsabilidade nun proxecto común”. “Ese capital humano é o motor dunha Galicia en marcha que, orgullosa da súa identidade específica, non se arreda diante das dificultades e segue a edificar o futuro. E quere facelo sobre os sólidos alicerces da unidade”, indicou.

A este respecto, Emilio Pérez Touriño sinalou que, se ben o debate democrático e a diversidade son enriquecedores, cómpre resaltarmos, “por enriba das lexítimas diferenzas”, aquilo que nos une. “Aquilo que nos fai máis fortes e nos proporciona musculatura de país. Aquilo que nos impulsa cara á modernidade, amplifica a nosa voz e agranda a nosa presenza no competitivo mundo global”, expuxo. “Ese foi e será o meu empeño como presidente de todos os galegos e de todas as galegas. Construírmos unha Galicia de todos e para todos. Unha casa común que a todos nos acolla, na que todos nos sintamos cómodos e propietarios de pleno dereito”, manifestou o presidente para quen este compromiso nos obriga a corrixir ”algunhas desviacións”.

Entre estas citou Touriño o machismo que, dixo, cómpre erradicar porque, levado ao paroxismo, “desemboca en nefastas consecuencias”. “A violencia de xénero é incompatible coa sociedade de iguais á que aspiramos. Sociedade libre de homes e mulleres que comparten, equitativamente, dereitos e deberes, traballo e lecer, oportunidades e soños”.

O presidente citou así mesmo a lacra dos accidentes de tráfico. Segundo indicou, cómpre redobrar o esforzo colectivo en materia de seguridade viaria porque unha sociedade madura e responsable “non pode permitirse que a estrada segue vidas e destrúa familias”. ”Impedilo é unha obriga que a todos nos incumbe, a cada un no ámbito da súa responsabilidade”, significou.

Na tradicional mensaxe de fin de ano o presidente fixo fincapé na necesidade de traballar unidos para superar a crise económica. Pérez Touriño explicou que a economía mundial entrou nunha espiral de crise que ten na destrución de emprego o seu efecto “máis perverso”. Pero, fronte a esta situación, o Goberno galego “en ningún momento” permaneceu cos brazos cruzados. “Actuamos e fixémolo con anticipación e con valentía. Por iso, hoxe podo comparecer diante de todos vostedes con preocupación, si, pero coa seguridade de quen fixo os deberes. Podo afirmar e afirmo que, como depositario da confianza que puxeron en min e no meu Goberno, fixen canto estaba na miña man para amortecer o impacto da crise en Galicia”, sostivo.

Lembrou así que o Goberno que preside dinamizou e ampliou a obra pública para compensar a caída da iniciativa privada; alentou o crédito para garantir a viabilidade de empresas e proxectos e estendeu a rede de seguridade que protexe ás familias máis modestas e aos colectivos máis vulnerables. “E, sobre todo, convocamos a toda a sociedade galega para levantar diques de contención e os piares dunha Galicia que saberá transformar as dificultades en novas oportunidades”, aseverou Pérez Touriño, quen sostivo que fará “canto estea” na súa man para anticipar a saída do túnel. “Esa é a miña palabra e o meu compromiso. Porque a recuperación non virá soa. Hai que traela. Non agardar nas trincheiras a que escampe. Hai que buscala a campo aberto e recuperar a senda de crecemento e de emprego dos últimos anos. Esa é a miña palabra e o meu compromiso”, enfatizou. “A miña primeira preocupación é o traballador que perde o emprego. A familia que ten dificultades para afrontar a cota da hipoteca ou para chegar a fin de mes. O gandeiro que ve descender o prezo do leite. O pequeno empresario que sufre a mingua de vendas. O emprendedor que non atopa recursos para o seu proxecto. A todos eles quero deixarlles unha mensaxe clara. Os seus problemas son os meus problemas. E non imos descansar ata superalos. Non imos aforrar esforzos. Non imos aforrar recursos. Non imos aforrar vontade”, aseverou.

Pero para logralo, apelou unha vez máis á unidade, a que permitiu que nos últimos tres anos Galicia liderara en España a creación de postos de traballo e a loita contra o paro. “Temos que seguir alimentando as caldeiras deste tren en marcha. Sabemos facelo e podemos facelo. Nin un paso atrás, porque con materiais de derribo non se constrúe o porvir. Non hai desafío insuperable para a determinación da nosa xente. Non hai fronteira que, co concurso de todos, non podamos alcanzar. Non hai soño que, co instrumento da vontade colectiva, non podamos materializar”, puntualizou.

Finalmente, o presidente tivo palabras de lembranza para todas aquelas persoas que, por diferentes motivos, non poden estar esta noite cos seus seres queridos, así como para os nosos emigrantes –“pólas desta árbore milenaria”-, para os soldados galegos –“que, con espírito de sacrificio e risco da súa vida, honran ao seu país e prestan servizo humanitario en afastados recantos do planeta”, e para os inmigrantes.

DISCURSO DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA, EMILIO PÉREZ TOURIÑO

Boas noites.

Por cuarto ano consecutivo tómome a liberdade, nestas datas de entrañable significación familiar, de introducirme nos seus fogares para felicitarlles as festas e compartirmos uns minutos de reflexión sobre a Galicia que entre todos estamos a construír.

Neste tempo de reencontro e de balance, cando a emotividade agroma en cada poro da pel, o noso primeiro recordo sempre vai dirixido aos ausentes.

Na intimidade da nosa memoria permanecen aqueles familiares e amigos que nos deixaron neste ano que hoxe remata.

E lembramos tamén a todos aqueles que, por unha ou outra razón, por motivos de enfermidade ou de traballo, non puideron acudir esta noite á nosa mesa.

A eles quero dedicarlles un saúdo especial, transmitirlles a nosa solidariedade e o noso agarimo, facerlles saber que o corazón da galeguidade non sabe de distancias e a todos nos acolle.

Quero que nos sintan cerca os nosos emigrantes, pólas desta árbore milenaria, que nestas datas terán máis presente ca nunca esta terra que é a súa. Homes e mulleres que, co seu tesón e co seu traballo, lle abriron a Galicia as portas da modernidade.

Quero transmitirlles o noso apoio aos soldados galegos que, con espírito de sacrificio e risco da súa vida, honran ao seu país e prestan servizo humanitario en afastados recantos do planeta.

Quero que perciban o noso calor hospitalario os inmigrantes que un día se achegaron ao noso lar, en procura de pan e de traballo, e que hoxe sentirán, sen dúbida, con especial intensidade, as dentadas da saudade.

Pero, antes de pasarmos a última folla do calendario, quero así mesmo expresar o meu agradecemento e tributar a miña homenaxe a todos os homes e mulleres que integramos a gran familia da galeguidade.

Ás nosas xentes que, día a día, fan país, que abren os regos do futuro co seu traballo responsable, coa súa entrega solidaria, co seu carácter emprendedor, coa súa determinación para innovar e progresar.

Ao conxunto de entidades e institucións que conforman e articulan a nosa sociedade civil e que imprimen vitalidade e dinamismo ao noso tecido social.

Ás organizacións representativas dos empresarios e dos traballadores que, con xenerosidade e amplitude de miras, souberon converter o diálogo social nun fértil campo de encontro, de iniciativa, de corresponsabilidade nun proxecto común.

Ese capital humano é o motor dunha Galicia en marcha que, orgullosa da súa identidade específica, non se arreda diante das dificultades e segue a edificar o futuro.

E quere facelo sobre os sólidos alicerces da unidade.

Porque é boa a discrepancia e a crítica. O debate democrático é frutífero. A diversidade enriquece. Pero a condición de que resaltemos, por enriba das lexítimas diferenzas, aquilo que nos une. Aquilo que nos fai máis fortes e nos proporciona musculatura de país. Aquilo que nos impulsa cara á modernidade, amplifica a nosa voz e agranda a nosa presenza no competitivo mundo global.

Ese foi e será o meu empeño como presidente de todos os galegos e de todas as galegas. Construírmos unha Galicia de todos e para todos. Unha casa común que a todos nos acolla, na que todos nos sintamos cómodos e propietarios de pleno dereito.

Ese compromiso obríganos a pedalear con máis forza, pero tamén a corrixir algunhas desviacións.

Cómpre erradicar os últimos focos de machismo que, levado ao paroxismo, desemboca en nefastas consecuencias.

A violencia de xénero é incompatible coa sociedade de iguais á que aspiramos. Sociedade libre de homes e mulleres que comparten, equitativamente, dereitos e deberes, traballo e lecer, oportunidades e soños.

Cómpre redobrar o esforzo colectivo en materia de seguridade viaria.

Unha sociedade madura e responsable non pode permitirse que a estrada segue vidas e destrúa familias.

Galicia non pode permitirse que ninguén quede na cuneta. Impedilo é unha obriga que a todos nos incumbe, a cada un no ámbito da súa responsabilidade.

Estimados galegos e galegas:

Son plenamente consciente de que atravesamos unha etapa de serias turbulencias económicas. A economía mundial entrou nunha espiral de crise que ten na destrución de emprego o seu efecto máis perverso.

Non somos inmunes ao contaxio porque o noso sistema financeiro e o noso tecido produtivo teñen moitas fiestras abertas ao mundo.

O escenario é o que é, veunos dado, pero en ningún momento permanecemos nel cos brazos cruzados.

Actuamos e fixémolo con anticipación e con valentía. Por iso, hoxe podo comparecer diante de todos vostedes con preocupación, si, pero coa seguridade de quen fixo os deberes.

Podo afirmar e afirmo que, como depositario da confianza que puxeron en min e no meu Goberno, fixen canto estaba na miña man para amortecer o impacto da crise en Galicia.

Dinamizamos e ampliamos a obra pública para compensar a caída da iniciativa privada.

Alentamos o crédito para garantir a viabilidade de empresas e proxectos.

Estendemos a rede de seguridade que protexe ás familias máis modestas e aos colectivos máis vulnerables.

E, sobre todo, convocamos a toda a sociedade galega para levantar diques de contención e os piares dunha Galicia que saberá transformar as dificultades en novas oportunidades.

Podo afirmar e afirmo que, mentres conte coa súa confianza, farei canto estea na miña man para anticipar a saída do túnel.

Esa é a miña palabra e o meu compromiso. Porque a recuperación non virá soa. Hai que traela. Non agardar nas trincheiras a que escampe. Hai que buscala a campo aberto e recuperar a senda de crecemento e de emprego dos últimos anos.

Esa é a miña palabra e o meu compromiso.

Porque a miña primeira preocupación neste momento é o traballador que perde o emprego.

A familia que ten dificultades para afrontar a cota da hipoteca ou para chegar a fin de mes.

O gandeiro que ve descender o prezo do leite.

O pequeno empresario que sufre a mingua de vendas. O emprendedor que non atopa recursos para o seu proxecto.

A todos eles quero deixarlles, nesta derradeira noite do ano, unha mensaxe clara.

Os seus problemas son os meus problemas. E non imos descansar ata superalos. Non imos aforrar esforzos. Non imos aforrar recursos. Non imos aforrar vontade.

Nos últimos tres anos, Galicia liderou en España a creación de postos de traballo e a loita contra o paro.

Nos últimos meses, cando xa a crise descargou con forza, Galicia segue amosando unha capacidade de resistencia superior a das outras comunidades autónomas.

Pero non podemos pararnos.

Baixo a bandeira da unidade, temos que seguir alimentando as caldeiras deste tren en marcha. Sabemos facelo e podemos facelo. Nin un paso atrás, porque con materiais de derribo non se constrúe o porvir.

Non hai desafío insuperable para a determinación da nosa xente.

Non hai fronteira que, co concurso de todos, non podamos alcanzar. Non hai soño que, co instrumento da vontade colectiva, non podamos materializar.

Non hai límites para unha Galicia de homes e mulleres libres que non teñen, como quería o poeta, “máis que un mar, un barco, un ceo”.

A todos eles, e a vostedes, os meus mellores desexos de paz e felicidade no novo ano.

Moitas grazas.

R., 2008-12-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES