
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
Foi un monográfico sobre o investimento do Estado na comunidade e, de maneira fundamental, sobre o proxecto estratéxico e decisivo que é o tren de alta velocidade, o proxecto Ave. Con estas palabras definiu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a entrevista que mantivo co presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, un encontro que Touriño cualificou como de extraordinariamente positivo para Galicia e que se prolongou durante dúas horas.
Na súa intervención ante os medios de comunicación, o titular da Xunta destacou o alto interese amosado polo presidente do Executivo central polo proxecto do tren de alta velocidade a Galicia e destacou o seu compromiso de licitar no vindeiro ano, en 2009, todos os treitos do eixo central do proxecto, os comprendidos entre Ourense e Zamora. Segundo explicou Pérez Touriño, trátase dun total de nove treitos, seis entre Ourense e Lubián e os outros tres entre Lubián e Zamora, que supoñen un total de 140 quilómetros. Unha licitación que o presidente galego cualificou como fundamental para garantir que sexa verdade plena, acadada realidade, o obxectivo e soño do Ave para 2012.
Pódolles anunciar o peche, culminación e garantía plena dese proxecto para que Galicia o poida disfrutar e poida tocalo, poida servirse del, Galicia e con ela España, no ano comprometido, no ano 2012, salientou o máximo mandatario autonómico. Na mesma liña, insistiu no compromiso do presidente do Goberno de España para licitar e deixar contratada, polo tanto, toda a obra do Ave no ano 2009, co orzamento correspondente que a respalde, aseverou.
Emilio Pérez Touriño dixo sentirse especialmente satisfeito de que tiveramos acadado este compromiso a partir desa consideración que o presidente ten co reequilibrio territorial das comunidades, e asegurou que viu a Rodríguez Zapatero cun coñecemento e cun interese excepcional por cada unha das circunstancias que rodean a marcha do proxecto de alta velocidade e a súa realización.
Compartimos que estamos falando dun proxecto estratéxico e decisivo para Galicia, para os galegos e as galegas pero vital, non só para Galicia senón para o atlántico e o noroeste peninsular e para España. Un proxecto de Estado que así merece do recoñecemento, do esforzo e dunha aposta decisiva por parte do presidente Zapatero en relación co mesmo, aseverou o presidente da Xunta.
Reunións cada tres meses entre o presidente da Xunta e a ministra de Fomento
Na mesma liña, o máximo mandatario autonómico indicou que tamén abordou co presidente do Goberno o seguimento do proxecto do tren de alta velocidade na comunidade galega. Pérez Touriño dixo que José Luis Rodríguez Zapatero lle ten ofrecido -e aceptei-, unha fórmula que entendemos é a máis áxil, máis directa, a máis executiva e a que se produce no máis alto nivel e co maior nivel posible de responsabilidade: consiste no acordo para que exista unha reunión estable, de carácter trimestral, entre o presidente da Xunta e a ministra de Fomento, a quen así llo ten ordenado e encomendado na miña presenza, explicou Touriño. Na mesma liña, indicou que se tratará dun encontro trimestral que se dedicará exclusivamente a seguir, avaliar e compartir coa ministra de Fomento a marcha e o seguimento do compromiso que temos acadado.
Visita do presidente do Goberno ás obras do AVE
O presidente da Xunta tamén confirmou que invitou a José Luis Rodríguez Zapatero a acudir a Galicia ao próximo mes, inivitacion, que segundo o presidente da Xunta, lle pareceu fenomenal ao xefe do Executivo español. Touriño explicou que Zapatero virá na última semana, para supervisar persoalmente, a pé de obra, a marcha e situación de cada un dos treitos do proxecto Ave.
Emilio Pérez Touriño agradeceu a receptividade do presidente español á súa proposta e asegurou que é importante que o presidente do Goberno faga este esforzo e que o teñamos en Galicia para supervisar o que é a marcha e dando conta de como está o proxecto do tren de alta velocidade.
Financiamento autonómico
A pesar de que as infraestruturas, e concretamente o tren de alta velocidade a Galicia, centraron a maior parte da conversa entre o mandatario galego e español, na xuntanza tamén se abordaron outros asuntos como o financiamento, o investimento do Estado en Galicia, a reforma do voto emigrante ou a ampliación da AP-9.
Respecto do financiamento autonómico, Pérez Touriño indicou que lle ten transmitido ao presidente español os criterios que a Comunidade Autónoma defende: o de maior autonomía financeira, maior corresponsabilidade fiscal, a necesidade de atopar un importante grao de suficiencia financeira para todos os servizos e competencias que lle corresponden, e que se computen, de xeito axeitado, as necesidades de gasto: a variable de poboación axustada, non só polo seu crecemento, senón tamén polo avellentamento e pola súa dispersión territorial.
Na mesma liña, lembrou que a comunidade galega é onde se ten concentrado con máis intensidade nestes catro anos o esforzo inversor e de reequilibrio do Estado, e asegurou que non hai ningunha outra comunidade con tal índice investidor. Touriño remarcou que os Orzamentos Xerais do Estado, desde que goberna José Luis Rodríguez Zapatero, puxeron a disposición de Galicia un total de 4.750 millóns de euros, un 183 por cento máis respecto á lexislatura do PP, multiplicándose o investimento por 2,8. Isto, segundo salientou Touriño, marca un cambio de ritmo histórico e un desnivel histórico en relación con todo o efectuado anteriormente.
Voto emigrante e ampliación da AP-9
Tamén falamos da necesidade da reforma do voto emigrante para dotalo de todos os mecanismos de protección e transparencia propios dunha sociedade desenvolvida, asegurou Touriño, indicando que en todos os asuntos abordados o presidente tivo un criterio de entendemento, cercanía e favorable, disposto a estudalo e traballar nesa dirección.
Por último, indicou que tamén abordou co presidente español a ampliación da AP-9 na que estamos traballando, e amosouse confiado en que o convenio para esta infraestrutura poida ver a luz en setembro.
Entrevista positiva e agradable
O presidente da Xunta quixo agradecerlle ao titular do Goberno español a sintonía e o afecto cos galegos. Atopei a un presidente con coñecemento, un presidente con afecto e un presidente disposto a estar preto e a traballar a fondo, como sempre crin que estaba e neste caso máis, porque así mo ten demostrado, aseverou Touriño lembrando que a xuntanza que mantivo con José Luis Rodríguez Zapatero durante dúas horas foi ampla, positiva e moi agradable.
O terceiro encontro na Moncloa
Este é o terceiro encontro que ambos mandatarios manteñen no Palacio da Moncloa. A primeira ocasión na que José Luis Rodríguez Zapatero e Emilio Pérez Touriño se entrevistaron -desde que este foi investido presidente da Xunta de Galicia- foi o 31 de agosto de 2005. Nesa reunión, acadouse o acordo de que os orzamentos do Estado para 2006 fixeran un esforzo especial con Galicia, impulsando os proxectos estratéxicos pendentes na Comunidade Autónoma. Este compromiso tivo o seu reflexo nos Orzamentos Xerais do Estado para 2006, que recolleron un investimento en infraestruturas de 1.147 millóns de euros en Galicia, un 37,3% máis que o ano anterior, o que permitiu que a comunidade recibise máis do 8% do investimento territorializado do Estado.
Posteriormente, en febreiro de 2007, Pérez Touriño volveu reunirse con Rodríguez Zapatero no Palacio da Moncloa. Un encontro no que ambos presidentes tiveron a oportunidade de analizar diversos asuntos de interese para Galicia, como o AVE Vigo-Ourense; a situación dos estaleiros galegos; a cooperación en materia de incendios; o traspaso de competencias; ou o compromiso de que a Cidade da Cultura se convertera nun proxecto de Estado, ao tempo que se ratificaba o compromiso de seguir destinando a Galicia o 8% do investimento territorializado.
Pero ademais das xuntanzas no Palacio da Moncloa, Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero tiveron a oportunidade de entrevistarse en cinco ocasións, sen contar os contactos mantidos no marco da II e III Conferencias de Presidentes e no dos cumios hispano-lusos de Évora (2005), Badaxoz (2006) e Braga (2008).
Deste xeito, os dous mandatarios coincidiron por vez primeira como presidentes o 18 de agosto de 2005 con motivo da visita de Rodríguez Zapatero á base da Brilat en Figueirido (Pontevedra), logo do falecemento de doce militares en Afganistán, oito deles de orixe galega.
En outubro de 2005, Zapatero cursou unha visita institucional a Galicia. Nesa ocasión o presidente do Goberno central revalidou o seu compromiso co desenvolvemento da comunidade autónoma e anunciou o investimento de 82 millóns de euros no I Plan Integral de Emprego para Galicia, a primeira ocasión na que o Goberno de España destinaba unha partida específica e singular, como tan só ocorre con outras dúas comunidades do Estado.
Xa no ano 2006, o presidente do Goberno central visitou Galicia durante a vaga de lumes do mes de agosto, desprazándose ata diversas zonas afectadas polos incendios forestais. Ao longo do 2007, Rodríguez Zapatero visitou en dúas ocasións máis Galicia. A primeira, para asistir en Santiago á recepción ao féretro cos restos mortais da soldado Idoia Rodríguez Buján, falecida en Afganistán; e a segunda, con motivo da entrega do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa ao Centro Superior de Investigacións Científicas e a conmemoración dos dous anos da Estrategia Ingenio 2010, en Vigo. Estes encontros institucionais complétanse con outros informais, mantidos en actos institucionais, de partido ou noutros foros.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.
O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrará do 6 ao 20 de outubro a súa oitava edición cun programa articulado arredor da música antiga, os instrumentos históricos, a divulgación e o encontro co público. O certame compostelá ofrecerá seis concertos en diferentes espazos da capital de Galicia, ademais de cinema documental, unha conferencia, unha acción de improvisación, un club de lectura e varios encontros cos artistas. A programación principal de Ateneo Barroco desenvolverase en espazos como a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Paraninfo da Universidade. O calendario de recitais abrirase con Lina Tur Bonet e Bach, partita, sonata, e continuará con Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta e Bertrand Cuiller, antes do peche con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai en In dulci jubilo.