Noticias

Presentado el primer psicosatélite gallego: Xatcobeo permitirá mejorar la capacidad de respuesta en situación de emergencia

El operador público Retegal, la Universidad de Vigo, el Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, el Ministerio de Ciencia y la Agencia Espacial Europea participaron en la creación del psicosatélite Xatcobeo con el que se espera situar a Galicia a la vanguardia de las comunicaciones por satélite.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, salientou que o picosatélite Xatcobeo Cubesat, cuxo lanzamento está previsto para finais de 2009 na Guayana Francesa, vai situar Galicia na vangarda das comunicacións por satélite, permitindo, ao mesmo tempo, mellorar a capacidade de resposta en situacións de emerxencia. Así o asegurou no acto de presentación deste proxecto, no que participan o operador público galego Retegal, a Universidade de Vigo (responsable da iniciativa), o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial INTA, dependente do Ministerio de Defensa, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Axencia Espacial Europea.

Na súa intervención, o presidente da Xunta manifestou a súa satisfacción porque a Axencia Espacial Europea teña elixido este proxecto galego para participar no voo inaugural da lanzadeira Vega e explicou que durante preto dun ano, este pequeno satélite “orbitará o noso planeta máis de 5.000 veces”.

Segundo explicou Pérez Touriño, o Xacotbeo será o único picosatélite español que faga esta viaxe e o primeiro de estándar Cubesat promovido por unha universidade española. “Este proxecto converte á Universidade de Vigo nun dos centros europeos que lideran o desenvolvemento do picosatélites, xunto a outras prestixiosas universidades como a de Roma, en Italia; o Politécnico Federal de Lausanne, en Suíza; ou a Universidade de Liexa, en Bélxica”, aseverou.

O máximo mandatario galego remarcou, ademais, que a iniciativa presentada hoxe axudará a potenciar as empresas de telecomunicacións en Galicia e permitirá iniciar o camiño para, “nun futuro próximo”, dixo, desenvolver proxectos de satélites comerciais con aplicacións específicas no noso país.

Dúas razóns “fundamentais” para o compromiso do Goberno galego
“Pero existen dúas razóns fundamentais polas que o Goberno que presido se comprometeu, a través do operador público Retegal, no desenvolvemento deste proxecto”, sinalou Pérez Touriño. Así, explicou que a primeira delas garda relación directa “co noso convencemento de que a educación e a innovación son as pezas fundamentais para ampliar a nosa dotación de capital humano, principal activo –sinalou-, co que contan as sociedades modernas para garantir o progreso e o futuro”.

Deste xeito, o desenvolvemento desta iniciativa vai permitir que un grupo de estudantes universitarios galegos traballen a carón dos técnicos da Axencia Espacial Europea e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial para acadar experiencia práctica no deseño dun satélite de comunicacións, no desenvolvemento dos procesos necesarios para poñer o satélite en órbita e, finalmente, no control e seguimento dese satélite.

“Como consecuencia –asegurou Touriño-, imos dar un paso adiante na formación dunha nova fornada de investigadores e de técnicos que situarán Galicia na vangarda das comunicacións por satélite”, porque, engadiu, a comunidade galega non pode ser “un mero espectador nin un mero cliente dos grandes consorcios”.

Na mesma liña indicou que, pola particular configuración orográfica, a tecnoloxía de satélites vai desempeñar no futuro “un papel moi relevante en Galicia”. “Será a garantía de que todos e cada un dos nosos cidadáns, o cen por cento da nosa poboación poida acceder en igualdade de oportunidades a servizos como a televisión, a banda ampla ou as comunicacións en mobilidade”, explicou o presidente galego. Ademais, remarcou que vai permitir mellorar “a nosa capacidade de resposta, en tempos a cada paso máis reducidos, a situacións de urxencias médicas, crises medioambientais ou problemas de seguridade cidadá”. “Esta é a segunda razón que nos moveu a apostar por este proxecto, un proxecto que ilustra o grande interese estratéxico que ten para Galicia dispor das mellores e máis eficaces ferramentas de decisións cando se produce unha emerxencia”, afirmou Pérez Touriño. Así mesmo, o presidente galego incidiu no “extenso campo práctico” que abre esta investigación en temas como o control de incendios, a predición meteorolóxica, a detección de bancos de pesca ou o deseño de redes de vixilancia medioambiental e ecolóxica.

Na súa intervención o máximo mandatario galego lembrou que o proxecto do satélite responde ao interese expresado en diferentes foros e a diferentes niveis: está entre as recomendacións do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia e do propio Ministerio de Industria, que vén de poñer sobre a mesa unha proposta baseada en satélites para garantir a cobertura integral da televisión dixital.

“O ditame dos investigadores e dos técnicos reforzan a nosa convición de que, nesta materia, Galicia non pode ser senón axente activo, con iniciativa propia, nun eido que está a transformar a natureza das relacións sociais e convertendo o planeta azul nunha aldea global”, aseverou Touriño remarcando o apoio do Goberno galego a esta iniciativa a través do operador público de telecomunicacións Retegal S.A.

O xefe do Executivo autonómico explicou que Retegal é o operador “de referencia en Galicia para a difusión de sinais de televisión analóxicas e dixitais, e para servizos de datos institucionais”, un operador que ten como principal obxectivo “proporcionar unha rede de infraestruturas de telecomunicación total, segura e eficiente, que se traduza de inmediato en beneficios reais para todos os cidadáns de Galicia, estean onde estean e vivan onde vivan”, indicou.

Na mesma liña, lembrou que Retegal impulsa e participa directamente no financiamento deste proxecto, xunto coa Universidade de Vigo e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, “co propósito de cumprir o seu compromiso de servizo a Galicia”. “Porén –engadiu-, o concepto CubeSat permitirá á universidade de Vigo participar, baixo a supervisión do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, nun proxecto satelital real cun custo axustado e un tempo de desenvolvemento relativamente curto”, concluíu o máximo mandatario galego ao respecto.

Por último, o presidente da Xunta expresou os seus parabéns á Universidade de Vigo, “alma do proxecto”, e aos seus investigadores e estudantes, felicitacións que fixo extensibles ao Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, aos ministerios de Defensa e de Ciencia e Innovación e aos responsables de Retegal, “por acoller e apoiar esta iniciativa”, así como á Axencia Espacial Europea por brindarlle a Galicia esta “suxestiva oportunidade”, aseverou.

R., 2008-06-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (sica-lugo-2025.jpg) Foi presentada a XLVII Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá entre os días 22 e 27 de setembro. O Grupo Cinematográfico Fonmiñá presentou un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes. A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño, 'O gaucho galego', que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez. O programa complétase con outras actividades como unha mesa redonda sobre o alzhéimer, unha exposición sobre a Muralla de Lugo ou un concurso de escaparates.
Foto de la tercera plana (mar-litoral.jpg) Galicia xa ten identificados 1.600 elementos a incluír no futuro catálogo de bens de valor cultural no litoral. Un traballo que se desenvolveu en tan só dous meses desde a asunción das funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral por parte do Executivo galego. A Lei de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia (Loxilga), en vigor desde hai dous anos, converteu Galicia na primeira Comunidade Autónoma en regular por lei a totalidade da súa costa, exercendo desde o pasado 1 de xullo a súa xestión plena e efectiva co traspaso das funcións e servizos correspondentes. Este marco normativo supón un punto de partida que dota a Galicia da capacidade de actuar e planificar o futuro do seu litoral.

Notas

A Unión Astronómica Internacional (UAI) acaba de bautizar un asteroide co nome ‘(14005) Ferrinmoreiras’ na honra da científica Antonia Ferrín Moreiras, pioneira na USC e en España. Foi a primeira muller en formar parte do cadro de profesores da Facultade de Matemáticas da USC, a primeira en realizar investigacións no compostelán Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ e a primeira doutora en astronomía de España.
O campus de Vigo destaca como un espazo de grande interese arqueolóxico, con varios xacementos que revelan a súa riqueza prehistórica, como o do Monte das Cabanas ou o das Xunqueiras/Pedreiras. Este último está sendo nas últimas semanas obxecto dunha escavación arqueolóxica froito dun convenio entre a Xunta e a UVigo, estase a estudar a mámoa número 2 deste conxunto tumular como parte dun programa de investigación, conservación e difusión e socialización do patrimonio arqueolóxico do campus olívico.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES