Noticias

Galicia acada o mellor outubro da serie histórica con 1.127.270 afiliacións á Seguridade Social e pecha o mes con 114.849 persoas desempregadas

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou esta mañá os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social. Destacou que Galicia alcanzou en outubro os 1.127.270 cotizantes, o máximo rexistrado para este mes desde o inicio da serie histórica, en 2004, e o cuarto maior rexistro global, só por detrás dos de xullo, agosto e setembro deste mesmo ano. Ademais, a Comunidade conta con 24.286 afiliacións máis que hai un ano, o que supón un incremento do 2,20 %. En relación co paro, Galicia pechou outubro con 114.849 persoas paradas.

O desemprego aumentou un 1,29 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, unha suba que, segundo explicou Lado, se concentra no colectivo sen emprego anterior, indicando que este comportamento está relacionado co impacto das persoas regularizadas ao abeiro do proceso extraordinario impulsado polo Goberno central. Pola contra, o paro descendeu en todos os sectores económicos. A maior baixada correspondeu á construción (-5,34 %), seguida da industria (-1,35 %), do sector primario (-1,16 %) e dos servizos (-0,40 %).

En termos mensuais, o desemprego aumentou un 2,15 %, unha evolución habitual en outubro pola finalización dos contratos vinculados á temporada de verán. Con todo, a suba foi inferior á media dos últimos 30 anos, situada no 3,09 %.

A directora xeral sinalou que esta evolución se enmarca nunha tendencia xeneralizada no conxunto do Estado: 13 das 17 comunidades autónomas rexistraron un aumento interanual do paro e todas experimentaron unha suba mensual. Neste contexto, Galicia sitúase como a 6ª comunidade con mellor evolución interanual e a 9ª na mensual, en termos relativos.

Lado lembrou que estes indicadores deben analizarse cunha perspectiva de medio e longo prazo. Neste sentido, subliñou que a Xunta continúa impulsando medidas para favorecer o emprego estable e de calidade, así como para responder ás necesidades de talento e á cobertura de vacantes das empresas.

R., 2026-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES