
Así, lembrou que a proposta é froito dun proceso participativo que estivo aberto a toda a sociedade e que se puxo en marcha coa constitución de 11 comisións nas que participaron máis de 130 expertos. Isto complementouse coas achegas feitas por particulares, institucións e entidades a través dos máis de 400 contactos mantidos e as máis de 1.400 propostas recibidas.
O resultado é un documento amplo e ambicioso que marcará a folla de ruta das políticas lingüísticas nos vindeiros anos, apuntou López Campos antes de engadir que o obxectivo é adaptar o anterior documento á nova realidade social e demográfica tendo en conta a fonda transformación que experimentou Galicia nos últimos vinte anos. Mudaron as formas de traballar e de socializarse, as preocupacións sociais e a maneira en que nos comunicamos, precisou.
Tendo en conta isto, púxose en marcha o proceso para elaborar un novo documento dirixido a favorecer o uso do galego en toda a sociedade, nomeadamente, entre a poboación foránea, no ámbito dixital e nas redes sociais baixo seis grandes obxectivos. O primeiro deles, segundo precisou, céntrase na capacitación lingüística da totalidade da poboación, mentres que o segundo está dirixido a garantir que, quen o desexe, poida vivir en galego. Ao abeiro do terceiro e cuarto obxectivos procurarase elevar a implantación social e acadar unha boa transmisión interxeracional, concienciando á poboación de que a mellor maneira de preservar o galego é transmitilo e utilizalo.
O quinto obxectivo, pola súa banda, céntrase en acadar un maior recoñecemento exterior, mentres que o último deles vai dirixido a dotar a lingua galega dos recursos lingüísticos e técnicos que a capaciten para vehicular nela as necesidades da sociedade actual.
Acollida, arraigamento e transmisión xeracional
En base a isto, segundo avanzou o conselleiro, as principais liñas de actuación deste documento céntranse na acollida e no arraigamento da poboación chegada de fóra de Galicia, na problemática da transmisión xeracional ou no reforzo da presenza do galego nas plataformas e aplicacións dixitais. Neste marco, no ámbito das novas xeracións e no eido educativo, inclúense medidas para permitir que se poidan impartir materias científicas en lingua galega a través de axustes na normativa e para fomentar actividades de impulso e dinamización a través de recursos como son os programas de radio, o teatro escolar, as alternativas de conciliación ou as bibliotecas.
Por outro lado, no relativo aos sectores profesionais, as propostas inclúen a creación dun selo para establecementos que acrediten o uso do galego no tecido socioeconómico, a oferta de novos cursos específicos para persoal dos diferentes departamentos ou a creación de novos servizos lingüísticos para favorecer a comunicación na lingua propia. Así mesmo, o texto contén tamén medidas para implantar a lingua galega no novo sistema procesual da xustiza Atena e para impulsar a creación dunha Lei da Lingua e que complemente a Lei de Normalización Lingüística aprobada no ano 1983.
Outras medidas destacadas son as dirixidas a favorecer a oferta de produtos audiovisuais en lingua galega, a difundir a música en galego, a reforzar os vínculos coa lusofonía, a garantir a oferta en galego de aplicacións e videoxogos dirixidos á infancia e á mocidade e a poñer en marcha un novo Consello Asesor da Lingua Galega integrado por representantes da Xunta de Galicia, grupos parlamentarios e entidades vencelladas á da lingua galega.
Cómpre lembrar que o documento debullado hoxe será sometido mañá a votación no Pleno, despois da súa valoración por parte das formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.