
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou hoxe de que a Rede de detección de raios de MeteoGalicia contabilizou no que vai de ano un total de 12.825 raios, o que supón o 80% de todos os rexistrados durante o pasado 2025.
Segundo declarou durante a visitar que realizou á estación meteorolóxica que MeteoGalicia ten en Castro de Ribeiras de Lea, no Concello de Castro de Rei, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que o 42% dos raios rexistrados este ano -5.371- caeron a pasada fin de semana. En concreto, entre o venres 22 e o luns 25 de maio e, ademais, ese venres e o domingo 24 foron as xornadas con máis raios de todo o ano. Pola contra, segundo explicou a conselleira, no mes de marzo non caeu nin un só raio.
A conselleira indicou que o que aconteceu a semana pasada é que se deron as circunstancias perfectas para que se produciran esas treboadas: aire moi cálido en superficie procedente do norte de África -como quedou demostrado pola presenza de partículas de polvo sahariano en suspensión- e frío en altura nas capas medidas e altas da atmosfera.
Desde o punto de vista xeográfico, a provincia de Lugo foi a que rexistrou un maior número destes fenómenos meteorolóxicos. De feito, é a provincia con máis raios rexistrados desde que hai rexistros de datos, en 2011. Nese senso, Ángeles Vázquez puxo como exemplo que o 46% dos raios caídos o pasado ano en Galicia concentráronse na provincia de Lugo.
Isto débese a que o interior de Galicia e as zonas con máis orografía son as máis proclives a sufrir treboadas porque as temperaturas, polo xeral, son máis altas. Ademais, entre as zonas montañosas de Lugo e Ourense, as primeiras hai máis tormentas porque é máis doado que o aire teña humidade pola súa proximidade ao Cantábrico.
Nesa liña, a conselleira puxo en valor a información que facilita a Rede de detección de raios de MeteoGalicia, que conta con catro estacións, unha en cada en provincia Mabegondo, na Coruña; Castro de Ribeiras de Lea, en Lugo; Alto do Rodicio, en Ourense, no Campus de Vigo, en Pontevedra-.
A localización das catro estacións forma un cadro ideal para conseguir unha mellor e maior precisión na localización dos raios. Cómpre indicar que a posición do impacto determínase cando polo menos dous dos sensores detectan a descarga eléctrica. Polo tanto, canto maior é o número de sensores que a detectan, maior é a precisión. Nese senso, o sistema do que dispón Galicia permite detectar cuantitativamente os raios cunha precisión superior ao 90%.
A información proporcionada por esta rede xoga un papel importante na predición a curto e moi curto prazo de fenómenos meteorolóxicos severos, representando tamén unha ferramenta de particular interese para a protección civil, seguros, servizos de detección de incendios, de subministración enerxética e telecomunicacións.
No caso concreto da estación de Castro de Rei, que está operativa desde o ano 2010, ademais do sensor de raios, tamén conta cunha sonda de temperatura e humidade, piranómetro para a medida da radiación solar global, sonda de presión, pluviómetros e sonda de temperatura do solo e do aire.
Para concluír, a conselleira sinalou que a Xunta destina anualmente 94.000 euros ao mantemento da Rede de observación de MeteoGalicia, composta pola rede de detección de raios, o radar e o equipo de radiosondeo. Estes servizos compleméntanse coa rede de estacións meteorolóxicas -155 repartidas por toda Galicia-, que teñen un financiamento anual de 460.000 euros.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.