Noticias

O festival Outono Lírico 2026 levará a Vigo a ópera 'Don Giovanni' e concertos de grandes voces internacionais deste xénero

Foi presentada a programación do Festival Outono Lírico 2026, unha iniciativa impulsada pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo que permitirá gozar na cidade olívica da ópera Don Giovanni, de Mozart, e da actuación de grandes voces internacionais actuais. Entre as citas destacadas que programará este festival, cabe salientar a representación, o día 1 de novembro, de Don Giovanni, unha das obras máis influíntes e complexas da historia da ópera, que se ofrecerá na versión orixinal estreada en Praga, e coa participación da orquestra e coro GAOS. Tamén destaca o recital do 12 de setembro do tenor Jorge de León e o barítono Juan Jesús Rodríguez.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación do Festival Outono Lírico 2026, unha iniciativa impulsada pola Asociación Amigos da Ópera de Vigo co apoio da Xunta de Galicia, que permitirá gozar nesta edición, na cidade olívica, da ópera Don Giovanni, de Mozart, e da actuación de grandes voces internacionais actuais deste xénero.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou o compromiso do Goberno galego “coa promoción da diversidade musical, e de calidade, nos seus diferentes xéneros, como neste caso a lírica, coa presenza dun repertorio excelso e presenza de figuras consagradas”, salientou. Ao respecto, puxo de exemplo o impulso que desde a Xunta se fai a este tipo de certames e de programación cultural “que a inclúan e a difundan por todo el territorio”.

Anxo M. Lorenzo salientou entre as citas destacadas que, entre setembro e novembro, programará este festival, a representación, o día 1 de novembro, de Don Giovanni, unha das obras máis influíntes e complexas da historia da ópera, que se ofrecerá na versión orixinal estreada en Praga, e coa participación da orquestra e coro GAOS.

Ademais, tamén destacou o recital do 12 de setembro do tenor Jorge de León e o barítono Juan Jesús Rodríguez, acompañados ao piano por Juan Francisco Parra. O concerto incluirá romanzas e dous de títulos fundamentais do repertorio italiano e verista como Aida, Otello, Pagliacci, Andrea Chénier, Don Carlo e Un Ballo in Maschera.

Actuación de grandes voces internacionais

Ambos os dous artistas son figuras de renome internacional, xa que Jorge de León é un referente do tenor spinto-dramático, mentres que Juan Jesús Rodríguez é aclamado como un dos barítonos verdianos máis importantes da súa xeración.

De igual xeito, o director xeral de Cultura destacou da programación do Outono Lírico 2026, o recital do 30 de setembro do tenor Celso Albelo e a soprano Desirée Rancatore, con Juan Francisco Parra, novamente ao piano. Segundo adiantou, este concerto estará dedicado ao bel canto italiano e ao repertorio romántico francés, interpretando escenas e arias de óperas como L'elisir d'amore, Lucia di Lammermoor, Don Pasquale, La Bohème, Werther e I Capuleti e i Montecchi.

A programación completarase coa representación de Tristana, o 11 de outubro, considerada a última gran ópera de cámara contemporánea española. Tamén formarán parte das actividades do festival, o recital Novas Voces e ciclos de ópera centrados no cinema ou o especial Falamos de coa participación do escritor e divulgador musical Ramón Gener.

Asociación Amigos da Ópera e o Outono Lírico

A Asociación de Amigos da Ópera de Vigo é unha entidade sen fin de lucro que naceu en 1958, ano do seu primeiro festival que se inaugurou con grandes clásicos do xénero como Manon, Tosca, Traviata e Butterfly, interpretados por figuras internacionais. Ten como finalidade fomentar a ópera, organizar representacións deste espectáculo en Vigo, así como promover ou cooperar en calquera actividade vinculada coa música e as demais artes no seu máis amplo sentido.

Por este motivo, en 2011, impulsou a creación do Festival Outono Lírico, certame onde teñen actuado figuras nacionais e internacionais como Nancy Fabiola Herrera, Ramón Vargas, Ismael Jordi, Sabina Puértolas, Ruth Iniesta, Alejandro Roy, Mariña Monzó, Luis Pousado, José Antonio López, Maribel Ortega ou Jesús León, entre outros.

Foto: Wikipedia

R., 2026-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES