Noticias

A liña de comunicación cuántica Santiago-Vigo chegará ata Portugal, converténdose nunha rede clave para a ciberseguridade na UE

Esta ampliación é posible grazas a un dos proxectos en que Galicia e o Norte de Portugal traballan conxuntamente para mellorar no ámbito da I+D+i. Trátase do IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure, çque ten como obxectivo o despregamento de conexións transfronteirizas entre as redes nacionais de comunicacións cuánticas de España (SpainQCI) e Portugal (PTQCI), contribuíndo así á construción da infraestrutura europea de comunicación cuántica segura (EuroQCI), que abarcará toda a Unión Europea. Este paso supón a continuación do traballo feito ata agora en Galicia, especialmente polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Vigo (UVigo) a través do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), adscrito ao centro de investigación AtlanTTic da rede CIGUS.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace “a ampliar ata Portugal a liña cuántica terrestre entre Santiago e Vigo”, o que permitirá situar esta infraestrutura “como rede clave para reforzar a ciberseguridade na Unión Europea”.

Trátase dun novo fito da I+G+i, a investigación e a innovación feitas en Galicia, e será fundamental para reforzar as comunicacións ultra-seguras en toda Europa. Nesta liña, Rueda lembrou que Galicia está a apostar por un eido “con moito futuro” e vén da acadar diferentes fitos que a sitúan como referente. Entre eles, resaltou que Galicia foi a primeira comunidade en contar cun ordenador cuántico en España xa no 2023, a futura creación de dous laboratorios nesta materia xunto as universidades de Vigo e Santiago ou o val especializado que liderará a comunidade e no que participarán nove países europeos.

Logo da posta en funcionamento da liña de comunicación cuántica por terra máis longa de España, e tamén unha das maiores do continente europeo, entre Santiago de Compostela e Vigo, Galicia ampliará esta arteria ata Portugal, establecendo así a conexión transfronteiriza co país veciño, o que supón un avance na construción da rede europea EuroQCI.

Esta ampliación é posible grazas a un dos proxectos en que Galicia e o Norte de Portugal traballan conxuntamente para mellorar no ámbito da I+D+i. Trátase do IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure, cun orzamento de 10,6 M€, que ten como obxectivo o despregamento de conexións transfronteirizas entre as redes nacionais de comunicacións cuánticas de España (SpainQCI) e Portugal (PTQCI), contribuíndo así á construción da infraestrutura europea de comunicación cuántica segura (EuroQCI), que abarcará toda a Unión Europea.

Este paso supón a continuación do traballo feito ata agora en Galicia, especialmente polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Vigo (UVigo) a través do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), adscrito ao centro de investigación AtlanTTic da rede CIGUS, coa posta en marcha da autoestrada de datos de 120 quilómetros entre as dúas cidades, e amosa o compromiso de Galicia coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías disruptivas, como a cuántica, unha aposta que sitúa a nosa Comunidade como unha referencia no conxunto de Europa.

Prazos, extensión e beneficios

Tal e como explicou o presidente, a ampliación levarase a cabo en dúas fases. Nun primeiro momento, ata 2029, “vaise habilitar a conexión entre Vigo e Valença do Minho, uns 30 quilómetros”.

Posteriormente, “a idea é que se estenda ata Lisboa” a través da conexión coa troncal terrestre norte-sur que prepara Portugal e que xa ten despregada na área metropolitana de Lisboa. O país veciño traballa agora na infraestrutura que permitirá conectar a Rede Cuántica Portuguesa (PTQCI) desde Lisboa ata a Rede Transfronteiriza de Valença-Galicia pasando por Aveiro e Porto.

De momento, aos 120 quilómetros despregados en Galicia (entre Santiago de Compostela e Vigo) sumaranse 30 quilómetros máis desta autoestrada baseada na física cuántica ata Valença. O proxecto IberianQCI poderá levarse a cabo ata setembro de 2029 e este treito en chan luso está apoiado polo Ministerio de Infraestruturas e Vivenda e a infraestrutura do país veciño.

Rueda resaltou que a liña de comunicación cuántica que se estenderá entre Galicia e Portugal, formando parte da rede europea EuroQCI, permitirá protexer infraestruturas críticas, “como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, e reforzar a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía”. Tamén poderá aplicarse á produción e monitorización de infraestruturas no ámbito enerxético ou para asegurar o intercambio de datos sensibles relacionados co desenvolvemento tecnolóxico na industria farmacéutica. Ademais, poderá “garantir a confidencialidade nas comunicacións gobernamentais e militares”, así como nas redes empresariais de alto valor, xa que a medida que os computadores cuánticos se volvan máis potentes, a criptografía clásica estará en risco. Trátase dunha infraestrutura avanzada que blindará as comunicacións ante calquera ataque futuro.

No proxecto europeo IberianQCI, ao cal Galicia achega un millón de euros a través dos socios galegos principais (Cesga e UVigo), cofinanciado nun 50 % pola Xunta de Galicia, participan varias entidades portuguesas e españolas, como a Universidade Politécnica de Madrid, o Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO) e diversas empresas.

Tamén conexións por satélite

Ademais da liña terrestre, o proxecto IberianQCI despregará tamén conexións espaciais, con estacións terreas ópticas como a recentemente estreada en Vigo, que serán clave para as conexións espaciais co satélite Eagle-1, que será lanzado en 2026. A Estación Óptica Antonia Ferrín, vinculada precisamente ao Vigo Quantum Communication Center, é a maior de España. As demais estacións estanse a preparar en Barcelona, Lisboa e Madrid. Todas elas serán fundamentais para conectar coas principais misións europeas e internacionais no espazo coa máxima seguridade.

Proxectos Galicia-Norte de Portugal

O IberianQCI é un dos seis principais proxectos de investigación e innovación en que participan Galicia e o Norte de Portugal, traballos conxuntos que suman un orzamento de máis de 39 M€, dos que máis de 10 M€ corresponden a entidades galegas. O obxectivo é reforzar a posición da Eurorrexión en áreas identificadas de alto impacto no Plan galego de I+D+I, como as tecnoloxías cuánticas, a intelixencia artificial ou a biotecnoloxía.

Ademais do IberianQCI, o proxecto Quantum Iberia, dotado con 8,9 M€ dos que Galicia mobiliza 4,9 M€, busca impulsar as capacidades en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial da Eurorrexión co apoio do Programa de cooperación interrexional España-Portugal (Poctep).

No campo da bioeconomía, estase a desenvolver o proxecto Bio Transfer GNP, que conta cun orzamento de 1,5 M€ a través do programa Poctep para mellorar a transferencia de coñecemento neste eido, favorecendo a implantación de modelos produtivos máis sostibles na Eurorrexión. O capital mobilizado en Galicia, coa captación de fondos europeos, supera o millón de euros.

No eido do talento, BRITE-EU, cun orzamento de 2,9 M€ apoiado polo programa Horizonte Europa, persegue desenvolver o talento e as capacidades de investigación e innovación actuando na formación, mobilidade e empregabilidade das persoas investigadoras. Pola súa banda, MAISRIS3T, cun orzamento de 1 M€ a través do programa Poctep, está enfocado ao reforzo da gobernanza, o seguimento e a dinamización da Estratexia de especialización intelixente transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal.

Outro dos proxectos estrela é Equivalemt, cun orzamento de 14,4 M€, dos que Galicia mobiliza 2,8 M€, co obxectivo de crear un vale europeo de innovación en tecnoloxías cuánticas, conectando diferentes rexións europeas para acelerar o desenvolvemento de aplicacións en computación cuántica, comunicación cuántica e sensórica cuántica.

Desde 2026 estes proxectos, nos que participan nove entidades galegas e 19 socios portugueses, contribúen ao desenvolvemento de estratexias conxuntas que fortalecen o posicionamento en Europa e avanzan cara a unha economía baseada no coñecemento.

Especialización intelixente transfronteiriza

Cómpre apuntar que a Estratexia transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2014-2020 foi pioneira en Europa, sentando as bases de acción de gobernanza compartida, planificación coordinada e aliñación de prioridades entre rexións. De feito, está considerado o proxecto estratéxico máis importante da Eurorrexión na medida en que supuxo pasar da execución conxunta de proxectos á planificación compartida e á gobernanza conxunta. Pola súa banda, a Estratexia transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2021-2027 é unha evolución da anterior, adaptándoa ás novas políticas de cohesión, aos cambios económicos, sociais e tecnolóxicos.

R., 2026-05-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (saude-medico.jpg) O Executivo galego, na súa reunión de hoxe, deulle luz verde ao inicio da consulta pública previa á redacción deste anteproxecto de lei que establecerá un marco xurídico moderno, integral e adaptado ás necesidades actuais da saúde pública de Galicia. A través do proceso de consulta pública recolleranse as achegas da cidadanía e dos axentes implicados á redacción da norma. 'Queremos modernizar o marco xurídico en materia de saúde pública para responder aos desafíos actuais', indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen falou dos novos riscos 'sanitarios e ambientais'.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) O balance de doazóns de sangue do ano 2025 destaca a participación e solidariedade de todas as persoas que realizaron 105.337 doazóns durante o pasado ano. Esta cifra representa unha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Así, este índice segue a situarse como un dos máis elevados de España, con preto de tres puntos por riba da media estatal dos últimos anos. Destacan tamén os 9.275 doantes novos do ano 2025, un dato especialmente positivo ao representar o 12,65 % de todas as persoas que participaron. En 2025 doaron un total de 73.317 persoas.

Notas

Entre finais de abril e comezos de maio, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo a segunda campaña de sondaxes no castro de Hortas, nas illas Cíes. O proxecto foi levado a cabo en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.
O Claustro da Universidade de Santiago quedou constituído este luns 11 logo de ter mudado a súa composición nas eleccións do pasado 12 de febreiro. Tras a sesión extraordinaria, tivo lugar a ordinaria na que se presentou o informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente ao curso 2024-2025 e na que a reitora fixo tamén un informe de situación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES