Notas de prensa

Constituíuse o Claustro da Universidade de Santiago de Compostela

O Claustro da Universidade de Santiago quedou constituído este luns 11 logo de ter mudado a súa composición nas eleccións do pasado 12 de febreiro. Tras a sesión extraordinaria, tivo lugar a ordinaria na que se presentou o informe do Valedor da Comunidade Universitaria correspondente ao curso 2024-2025 e na que a reitora fixo tamén un informe de situación.

Crujeiras informou aos membros claustrais de que por razóns de tempo e ante a imposibilidade de que o claustro puidese aprobar o documento antes de setembro, o actual equipo reitoral traballará cos orzamentos de 2026 prorrogados, “mantendo as liñas xerais e dando conta no Consello de Goberno das distintas modificacións que se realicen, que serán fundamentalmente nos Capítulos II e VI, correspondente a gasto corrente e a investimentos”, advertiu. Ademais, informou de que a finais de novembro ou comezos de decembro levarán ao Claustro as novas Liñas de Programación Plurianual xunto coas Liñas Xerais de Orzamento e tramitarán no Consello de Goberno a planificación estratéxica.

Tamén en materia económica, a reitora informou de que o plan galego de financiamento universitario 2022-2026 vai ser prorrogado durante 2027, “ano que aproveitaremos para revisar ben os indicadores de cara a afrontar a nova negociación”, dixo.

Rosa M. Crujeiras informou ademais que, con respecto aos Ramón y Cajal que se perderon na convocatoria deste ano, están traballando “para tratar de explorar algunha posibilidade que facilite a incorporación de persoal con este perfil”, aínda que advertiu que “no marco duns orzamentos prorrogados, as actuacións que se puideran levar a cabo quedarían supeditadas á consecución de fondos adicionais”.

Por último, asegurou que se vai retomar a modificación dos Estatutos da Universidade de Santiago, xa coa nova Comisión de Desenvolvemento Estatutaria elixida.

Informe do Valedor

Nesta primeira sesión do novo Claustro, o Valedor da Comunidade Universitaria presentou o informe da xestión realizada entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025. O profesor Miguel Alcaraz quixo salientar “o importante compromiso tanto dos órganos da universidade como dos membros da comunidade universitaria aos que lle foi solicitada a súa colaboración, que amosaron sempre unha actitude encomiable, polo que é obrigado o meu recoñecemento”.

Neste tempo recibíronse 76 consultas, “un número lixeiramente superior ás recibidas nos últimos cursos”, explicou. Nun 47,37%, a temática relacionouse con aspectos docentes e de avaliación (36 consultas), procedementos de xestión nun 22,37% (17 consultas), e servicios á comunidade (6 consultas, que representan o 7,89%). Polo que atinxe a orixe das consultas, os resultados son semellantes aos de outros cursos. Máis da metade foron realizadas polo estudantado (63,16%), o 28,95% polo PDI e só un 2,63% polo PTXAS. Tamén nun 3,95% recibíronse consultas feitas polos defensores e defensoras doutras Universidades españolas en demanda de información relativa á USC.

En canto ás queixas recibidas, presentáronse un total de 99, das que 12 non foron admitidas a trámite por non apreciarse nelas ningunha conculcación de dereitos de algún membro da comunidade universitaria, nalgún caso por exceder as competencias do Valedor ou por estar fóra do seu ámbito de actuación ou por ser presentadas fóra de prazos. Hai 5 temas que abranguen unha boa parte das queixas presentadas e que supoñen preto do 70% (69,7%): docencia e avaliación académica, procedementos administrativos, condicións laborais e de xestión de persoal, estudos de máster e doutoramento e os programas de intercambio que poden ser solicitados polo estudantado.

Novo Claustro

Logo da xornada deste luns, o Claustro queda conformado por 291 persoas, das que 153 pertencen ao sector I, 32 ao sector II, 76 sector III e 30 ao sector IV. Ademais, na sesión de hoxe elixíronse os membros da Mesa do Claustro e da Comisión Electoral Central, así como das persoas representantes do Claustro no Consello de Goberno e dos membros das comisións de Actividades Culturais, de Asuntos Económicos, de Titulacións e Ordenación Docente, de Investigación, de Internacionalización, de Normalización Lingüística, de Asesoramento e Axuda ao Valedor, de Reclamacións e de Desenvolvemento Estatutario.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-05-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES