
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentaron esta mañá o balance de doazóns de sangue do ano 2025, nun acto no que agradeceron a participación e solidariedade de todas as persoas que realizaron 105.337 doazóns durante o pasado ano.
Segundo precisou o responsable do departamento sanitario da Xunta esta cifra representa unha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Así, este índice segue a situarse como un dos máis elevados de España, con preto de tres puntos por riba da media estatal dos últimos anos.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño destacou os 9.275 doantes novos do ano 2025, un dato que cualificou como especialmente positivo, ao representar o 12,65 % de todas as persoas que participaron.
Este dato reflicte o compromiso das novas xeracións co xesto solidario de doar, así como o intenso traballo desenvolto por ADOS para fomentar as doazóns en centros educativos universitarios e non universitarios.
Segundo precisou o conselleiro, en 2025 doaron un total de 73.317 persoas, das que o 65 % participaron unha vez ao longo do ano e o 35 % realizaron dúas ou máis doazóns. A todos eles trasladou o seu agradecemento pola súa participación xa que, co seu xesto, están contribuíndo a salvar vidas.
Niveis de participación nas catro provincias
A directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, encargouse de debullar polo miúdo a distribución das doazón de sangue en 2025 dentro da comunidade. Así, as provincias da Coruña e Pontevedra foron as de maior volume de doazóns ao acadar taxas de 44 e 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, respectivamente. As provincias de Lugo e de Ourense rexistraron cifras menores debido a factores sociodemográficos, como poden ser o envellecemento e a dispersión da poboación, o que dificultan o crecemento da participación nestas zonas.
A directora de ADOS salientou tamén que as sete grandes cidades galegas concentraron ao redor do 44 % das doazóns de sangue, con 45.566 achegas, o que representa unha taxa media de 45 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Neste apartado destaca o índice de participación de Santiago de Compostela con 85 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, seguida de Pontevedra (53/1.000) e de Ferrol (51/1.000).
Polo que atinxe ao número de doazóns totais, Vigo foi a cidade que obtivo o maior número, achegándose ata as 11.358.
Concellos solidarios
Un ano máis, o concello coruñés de Padrón foi o de maior índice de participación de Galicia, cunha taxa de 92 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Na provincia de Lugo, tamén revalidou o seu liderado o concello de Meira (81/1.000) e na provincia de Ourense repetiu A Pobra de Trives (58/1.000), como o municipio con maior taxa de doazón. Por último, incorporouse Salceda de Caselas como o concello de maior participación da provincia de Pontevedra (77/1.000).
Distribución das doazóns
A Xunta salienta a importancia das campañas de doazón nas unidades móbiles que rexistraron o 86,3 % de todas as doazóns recollidas en Galicia grazas ás 7.153 colectas de sangue, aínda que un 13,7 % contabilízanse nun dos sete locais de atención permanente ao doador de sangue existentes nas sete grandes cidades galegas. Nestes locais, ademais, é posible efectuar doazóns polo sistema de aférese que se achegou ata os 5.505 procesos no ano 2025.
Así mesmo, nos locais de atención ao doante de sangue en Galicia estase a levar a cabo o programa de autosuficiencia en plasma, do que se realizaron 1.121 plasmaféreses no pasado exercicio e que permitiron obter 635 litros de plasma.
Toda esta intensa actividade da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue ten por obxecto garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos aos hospitais galegos pero sempre manténdose dentro dos máis altos estándares de calidade que é posible obter no eido sanitario. Neste sentido, a ADOS dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI) e a Certificación ISO 31000 de Xestión do Risco.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.