
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia será a primeira comunidade que regule os exames virtuais para o ensino público non universitario.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Executivo galego sinalou que esta regulación para a 'educación do futuro', que se encadra na futura Lei de educación dixital, contempla o emprego de 'sistemas biométricos que garantan a autenticidade dos resultados' no caso de probas a distancia sen supervisión docente.
Neste sentido, cómpre lembrar que esta Lei incorporará outras medidas destinadas a responder os retos presentes e futuros da educación, como que a comunicación entre profesores e familias se produza só a través de Abalar, a prohibición de gravar clases sen autorización, ou a regulación do uso da intelixencia artificial ou do móbil nas aulas, dispoñible só a partir de terceiro de ESO para uso exclusivamente pedagóxico.
O presidente salientou que o Goberno galego traballa para que 'Galicia siga a ter bos datos económicos', potenciando o ensino, atraendo investimentos e aproveitando 'todas as potencialidades industriais' que ten a nosa comunidade.
Tamén durante a sesión de control, Rueda remarcou os avances en materia formativa e laboral propiciados polo Goberno galego, como o desenvolvemento das microformacións, a adaptación da formación profesional ás demandas do mercado ou maiores recursos para a conciliación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.