
A iniciativa aborda un dos principais retos da política pesqueira actual: como as medidas de conservación modifican os patróns de pesca e condicionan a actividade das flotas artesanais. Tradicionalmente, moitas avaliacións ambientais asumiron que estas embarcacións poden reubicarse sen consecuencias relevantes, unha premisa que non reflicta a complexidade real do sector nin as súas limitacións operativas.
Para dar resposta a este desafío, o proxecto desenvolve metodoloxías interdisciplinarias que permiten avaliar con maior precisión o impacto territorial, ambiental e socioeconómico do desprazamento das flotas. A análise dos cambios na actividade pesqueira e dos costes asociados para os profesionais do sector facilita unha comprensión máis realista das consecuencias das restricións espaciais.
Esparde configúrase, ademais, como un proxecto innovador, baseado na colaboración entre a comunidade científica e o sector pesqueiro. Entre as súas principais liñas de traballo destacan a aplicación de técnicas econométricas para medir impactos, o uso de datos de alta precisión sobre a actividade espacial das flotas e o desenvolvemento de modelos para predicir os efectos da súa reubicación en distintos contextos.
De forma pioneira, o proxecto tamén analiza os posibles efectos negativos que o desprazamento das embarcacións pode xerar en novas zonas de pesca, mesmo cando a reubicación responde a obxectivos de protección de hábitats e ecosistemas mariños.
Os investigadores confían en que as metodoloxías desenvolvidas se poidan aplicar a outros eidos de conservación e ao deseño de políticas públicas, incorporando de forma máis realista as prácticas tradicionais, os coñecementos locais e as limitacións das comunidades pesqueiras artesanais. Este enfoque contribúe a unha xestión máis equilibrada, sustentable e socialmente xusta do medio mariño.
Alén das entidades investigadoras mencionadas, o proxecto conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, e está cofinanciado pola Unión Europea mediante o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa).
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.