Noticias

A nova campaña de trens turísticos de Galicia arranca en marzo e contará con 13 rutas ata outubro

O programa de Trens Turísticos de Galicia organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, arranca unha tempada máis de itinerarios temáticos pola comunidade coa Ruta da Camelia en Flor. En total, para 2026 están previstas 13 rutas e 33 saídas, coas que se abrangue un amplo programa de experiencias turísticas, entre elas paisaxísticas, patrimoniais e enogastronómicas, co tren como eixo e modo central de transporte. As primeiras saídas correspóndense coa Ruta das Camelias en Flor. O traxecto inclúe a visita aos xardíns do Pazo Quinteiro da Cruz -que conta con máis de mil variedades de camelias-, o de Lourizán e o de Rubiáns, este con máis de 4.500 exemplares distintos.

Esta ruta comezou a realizarse en 2023, coincidindo coa época de floración desta planta e pon en valor unha das especies máis características de Galicia, a onde chegou a finais do século XVIII. A súa entrada fíxose a través precisamente das casas e pazos da nobreza, aínda que xa pouco despois se espallou por toda a comunidade.

A edición de 2026 dos Trens Turísticos de Galicia ten previstas un total de 2.530 prazas, repetindo as mesmas 13 rutas que en 2025. Ademais da Ruta da Camelia, en xuño inícianse as Rutas dos Faros (con saídas en xuño, xullo, agosto e setembro); a da Ribeira Sacra polo Sil (en xuño, xullo, agosto e de setembro); a da Ribeira Sacra polo Miño (en xuño e setembro); e a dos Mosteiros (con saídas en xuño e xullo). A partir do mes de xullo comezan as Rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra; a das Rías Baixas, e a do Ribeiro-Rías Baixas. No mes de agosto saen as Rutas das Mariñas; a dos Pazos e Xardíns; a de Monterrei; a do Museo MEGA e A Coruña de 1906; e a dos Queixos.

Iniciativa consolidada

Os Trens Turísticos de Galicia son xa unha cita de éxito na programación turística en Galicia. En 2025 acadou máis dun 92% de ocupación, con algunhas rutas nas que case se esgotaron a totalidade das prazas, como a dos Queixos, as de Ribeira Sacra do Miño e o Sil, a das Rías Baixas e a dos Faros. Precisamente esta última foi galardoada co premio 'Tourism-Friendly' na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).

A iniciativa alíñase coa Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia, que fai da sustentabilidade unha das súas claves. Ademais, permite avanzar na desestacionalización do destino, ao propoñer viaxes en datas fóra da tempada alta. Tamén abunda na redistribución da oferta, achegando a turistas a destinos máis aló dos lugares de maior demanda.

R., 2026-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES