
Galicia propón este ano un total de 119 praias 45 pertencentes á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, 56 á de Pontevedra, e unha á de Ourense como candidatas a optar ao galardón Bandeira Azul 2026.
Esta mañá celebrouse a reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros. Na reunión participaron por videoconferencia a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Con 119 praias propostas, Galicia é a terceira comunidade que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 160 e 155 praias, respectivamente. En canto ás provincias, Pontevedra é a segunda con máis candidaturas propostas só por detrás de Alacante. Ademais, este é o primeiro ano no que se presenta a candidatura dunha praia fluvial na provincia de Ourense.
Neste sentido e aínda que haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados, Marisol Díaz amosou a súa confianza en que Galicia volva estar en 2026 nos primeiros postos da clasificación nacional das bandeiras azuis. Estes distintivos son un reclamo innegable para atraer visitantes, xa que permiten facer das costas un destino atractivo ao tempo que dinamizan a economía e o emprego en todos os sectores vencellados ao ocio e o turismo.
Para acadar este recoñecemento nas praias deberá acreditarse unha calidade das augas excelente, unhas boas condicións de seguridade, servizos e accesibilidade, así como unha atinada xestión medioambiental.
Cómpre lembrar que Galicia ocupa desde hai anos un dos primeiros postos da clasificación a nivel nacional en canto a número de distintivos azuis recibidos, con 191 na edición de 2025. En concreto foron 108 distintivos en praias, 12 en portos deportivos e 17 en centros azuis, así como 54 sendeiros azuis.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.