Noticias

A rendibilidade do sector turístico medrou un 7% en 2025 e situouse no valor mais elevado da serie histórica

O sector turístico amosouse en 2025 como un dos principais piares da economía galega, tanto pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego como polo seu impacto territorial e social. Así o referiu o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia para dar conta do balance turístico e económico que representou a actividade turística no pasado ano. Precisamente, os datos oficiais, publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), sitúan 2025 como un dos mellores da serie histórica e confirman a fortaleza dun modelo turístico baseado nos recursos dos territorio, a calidade e a sostibilidade.

Segundo salientou o director de Turismo de Galicia, “os resultados de 2025 demostran que o turismo é hoxe unha actividade clave para o desenvolvemento económico de Galicia”.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que Galicia pechou 2025 cun total de 8,8 millóns de turistas, un 7,3% máis que no ano anterior, “superando por segundo ano consecutivo a barreira dos oito millóns de visitantes”. Do total, 7,3 millóns aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros, cun incremento do 2,4%.

As noites superaron os 13,5 millóns, un 2% máis que en 2024, acadando o máximo histórico da serie. “A evolución positiva da demanda tivo un reflexo directo nos resultados económicos do sector”, afirmou. En 2025, os establecementos hoteleiros e pensións ingresaron máis de 451 millóns de euros, o que supón un aumento do 5,2% respecto a 2024. A rendibilidade do sector medrou un 7%, un punto por riba da media estatal que o fai nun 6%, e situando este indicador no valor máis alto rexistrado ata o momento. Para o director de Turismo de Galicia, “estes datos confirman que Galicia non medra só en volume, senón tamén en valor, apostando por un turismo máis rendible e de maior calidade”.

Emprego estable por todo o territorio

Toda esta conxuntura sitúa a actividade turística como una das principais achegas ao Produto Interior Bruto superando xa o 10%, e cun impacto directo e indirecto sobre sectores como a hostalaría, o comercio, o transporte, a cultura, o sector primario e os servizos. Concretamente, en termos de emprego, o sector rexistrou en 2025 un total de 83.629 afiliacións á Seguridade Social, un 1,5% máis que no ano anterior, o que representa o 7,7% do total das afiliacións en Galicia. “O turismo é tamén unha fonte de emprego estable e distribuído por todo o territorio”, subliñou Xosé Merelles.

O mercado internacional continúa representando preto do 30% da demanda, superando por terceiro ano consecutivo o turismo residente na comunidade. Destacan especialmente os incrementos de visitantes procedentes de Estados Unidos (+10,4%) e do Reino Unido (+14,6%), dous mercados estratéxicos polo seu elevado nivel de gasto.

O turista estadounidense alcanzou un gasto medio diario de 282 euros, converténdose no primeiro mercado internacional en termos de gasto total en Galicia, con máis de 200 millóns de euros entre xaneiro e setembro de 2025. “A internacionalización é unha das claves do crecemento do turismo galego e un dos eixos nos que seguiremos traballando”, indicou o director de Turismo.

Xuño, o mes que máis medra

O balance de 2025 confirma tamén avances significativos na desestacionalización, con incrementos de visitantes fóra da tempada alta e crecementos nas tres grandes tempadas turísticas do ano. Concretamente, xaneiro, maio e decembro amosaron crecementos que superaron o 4% e xuño foi o mes cun maior crecemento no número de visitantes cunha suba do 6,7% con respecto ao mesmo mes de 2025.

Ao mesmo tempo, consolídase a diversificación territorial, con aumentos destacados en xeodestinos do interior como Deza-Tabeirós, Ancares-Courel, O Ribeiro ou Celanova-Limia. Neste sentido, o director de Turismo destacou que “estase a ver como o turismo está a xerar riqueza repartida por toda Galicia”, contribuíndo deste xeito, á cohesión territorial e ao desenvolvemento do rural e do interior da comunidade.

Similar comportamento presenta o Camiño de Santiago, unha proposta que cada ano gaña máis peregrinos que optan por percorrer as distintas rutas. Así, volveu desempeñar en 2025 un papel fundamental como elemento vertebrador da oferta turística da comunidade. A Oficina do Peregrino entregou 530.987 Compostelas, un 6% máis que no ano anterior, cun peso crecente do peregrino internacional, que xa representa o 57% do total.

Ademais, segundo salientou o director de Turismo de Galicia, a chegada de peregrinos continúa a desestacionalizarse, con incrementos en meses como xaneiro (+31%) e febreiro (+15,20%), favorecendo a actividade económica durante todo o ano en numerosas comarcas do interior. Finalmente, o aspecto diversificador queda patente no incremento de peregrinos en camiños coma o Portugués da Costa que medra un 19,74%, seguido do Primitivo (+13,89%).

Experiencia, profesionalización e sostibilidade

Feita a análise do pasado ano, o director de Turismo de Galicia destacou que o seu departamento está a traballar no desenvolvemento de accións e programas que van nestas liñas estratéxicas e que permitirán mellorar a experiencia turística, avanzarán na profesionalización do sector e na aposta pola sostibilidade, a innovación e a calidade e tamén será o ano de preparación dun Xacobeo 2027 que promete grandes cifras e unha programación diversa e de calidade.

Neste sentido, Xosé Merelles destacou o Plan de Patrocinios e o programa de exencións fiscais así como a liña de axudas dirixidas aos actores e axentes económicos e sociais que favorecerán o deseño e plantexamento dunha programación de eventos conmemorativos do Xacobeo 2027 que interese a todos os públicos e cubra todas as temáticas e ámbitos da sociedade.

Do mesmo xeito, tamén se avanzará na profesionalización do sector turístico con máis accións de formación pero tamén cunha nova proposta, o Hub Gastronómico que se porá ao servizo dos profesionais turísticos para que poidan innovar, investigar e mellorar a competitividade do sector. Xosé Merelles tamén anunciou a posta en marcha dun programa específico de competencias dixitais para profesionais en activo, cun investimento de 2,5M€, para marketing dixital, redes, reservas online e atención ao cliente dixital, entre outros.

R., 2026-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (inverno-chuvia.jpg) Galicia rexistrou nos meses de decembro, xaneiro e febreiro o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século. A precipitación media ascendeu ata os 800 litros por m2. Uns valores cuxo precedente máis recente se remonta aos anos 2000-01 e que supoñen un incremento do 81% respecto ao habitual neste período. Así, foi o cuarto inverno máis chuvioso da serie histórica. En concreto, decembro non tivo unha anomalía de choiva moi notable, pero xaneiro e febreiro foron meses moi húmidos con anomalías do 98% e do 160% superiores aos valores normais nestes meses, respectivamente. En canto ás temperaturas, vivimos un inverno cálido, aínda que foi bastante máis frío que os dous anteriores.
Foto de la tercera plana (union-europea-bandeiras.jpg) O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá á Comisión Europea, a necesidade de que o novo marco financeiro teña en conta o papel das rexións, aposte por unha xestión descentralizada dos fondos comunitarios e manteña unha política de cohesión forte no continente. Rueda, como presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, mantivo unha reunión co resto de representantes nacionais e a presidenta do organismo, Kata Tüttő, co fin de fixar 'unha postura común'. Nela, lembrou as demandas de España cara o novo modelo de financiamento, que xa foron recollidas na Declaración de Galicia aprobada en outubro.

Notas

A música cobrará especial importancia o vindeiro 12 de marzo nos campus de Lugo e Santiago de Compostela grazas á Primavera Cultural. A lucense praza de Santa María acollerá o concerto de XianPais + Ulex ás 20.15 horas, e a actuación de Kid Mount na Igrexa da Universidade botará a andar ás 21.00 horas. No caso de que se dean condicións meteorolóxicas adversas, o concerto de Lugo trasladaríase a Veterinaria.
A pregunta de se é posible empregar a IA xerativa para verificar información, garantindo o rigor e a perspectiva de xénero constituíu o punto de partida do estudo que integrantes do grupo de investigación Sepcom desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Este proxecto permite constatar que 'hai un potencial na IA para utilizala como ferramenta na loita contra a desinformación, mais tamén se atopan nesgos de xénero, sutís pero persistentes'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES