Noticias

Galicia participa na segunda edición do Foro Celta para fomentar a cooperación entre rexións do atlántico europeo

O Foro Celta é unha iniciativa de cooperación intercéltica creada en 2023 en Bretaña co obxectivo de establecer un marco estable de colaboración entre nacións e rexións do arco atlántico europeo con tradición celta. A súa primeira edición celebrouse en Rennes, onde se adoptou a Declaración de Rennes, que sentou as bases da cooperación en ámbitos como a cultura, a educación, a mocidade, a innovación e o desenvolvemento sostible. Os membros fundadores do Foro foron Galicia, Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Irlanda e Gales. Nesta segunda edición, celebrada en Glasgow, incorporouse tamén a Illa de Man, reforzando así unha rede que busca dar visibilidade á identidade celta común.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou onte na segunda edición do Foro Celta, unha organización creada no ano 2023 en Bretaña para facilitar a cooperación en diferentes ámbitos entre rexións e nacións de tradición celta.

Durante o encontro, celebrado por invitación do Goberno de Escocia, Galicia reafirmou o seu compromiso cun espazo de colaboración estable entre territorios atlánticos que comparten lazos históricos, culturais e tamén desafíos comúns no contexto europeo actual. A delegación galega puxo en valor os avances acadados desde a primeira edición do Foro en Rennes e destacou a incorporación da Illa de Man nesta segunda edición, que amplía e reforza a rede de cooperación intercéltica.

No ámbito da mocidade e a educación, Galicia defendeu a creación de instrumentos prácticos de mobilidade entre territorios celta, que permitan intercambios académicos, culturais e profesionais. Incidiuse na necesidade de reforzar as alianzas entre universidades, impulsar escolas de verán e programas de inmersión lingüística, así como facilitar experiencias profesionais en sectores estratéxicos como o turismo sostible, a economía azul ou a xestión do patrimonio. Neste contexto, salientouse a experiencia da Xunta na rede universitaria IACOBUS como exemplo de cooperación académica transferible ao ámbito celta.

Tamén se puxeron en común iniciativas xa iniciadas con Bretaña, como o intercambio de boas prácticas en igualdade de xénero, a cooperación en materia turística e o estudo dun programa de intercambio xuvenil centrado na conservación do patrimonio, incluíndo a recuperación de técnicas tradicionais como a construción de muros de pedra seca.

A dimensión cultural ocupou igualmente un lugar destacado. Galicia defendeu a posta en marcha de proxectos de colaboración no eido audiovisual, musical e artístico, así como a creación de redes estables que faciliten a participación conxunta en festivais de música celta. Neste sentido, mencionouse a traxectoria do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira como exemplo de plataforma de encontro internacional das culturas atlánticas. Ademais, propúxose avanzar na creación de itinerarios patrimoniais harmonizados entre territorios celtas, apoiándose na experiencia do Cornish Celtic Way e do Camiño de Santiago. Galicia animou tamén ás rexións presentes a seguir con interese a recente incorporación de Bretaña á Federación Europea do Camiño de Santiago, formalizada o pasado 16 de xaneiro.

No bloque dedicado á transición enerxética e á innovación, Galicia destacou o seu potencial no desenvolvemento da eólica mariña e do hidróxeno verde, como piares para acadar os obxectivos de neutralidade climática.

O Foro Celta

O Foro Celta é unha iniciativa de cooperación intercéltica creada en 2023 en Bretaña co obxectivo de establecer un marco estable de colaboración entre nacións e rexións do arco atlántico europeo con tradición celta. A súa primeira edición celebrouse en Rennes, onde se adoptou a Declaración de Rennes, que sentou as bases da cooperación en ámbitos como a cultura, a educación, a mocidade, a innovación e o desenvolvemento sostible.

Os membros fundadores do Foro foron Galicia, Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Irlanda e Gales. Nesta segunda edición, celebrada en Glasgow, incorporouse tamén a Illa de Man, reforzando así unha rede que busca dar visibilidade á identidade celta común e promover proxectos conxuntos que contribúan ao desenvolvemento económico, social e cultural destes territorios.

R., 2026-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES