Noticias

Un observatorio de prezos e un plan de control específico e de impulsión dos produtos galegos ante o acordo UE-Mercosur

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Executivo autonómico vai poñer en marcha 'unha serie de medidas, a curto e medio prazo, para dar certezas e estabilidade ao sector agrícola' en relación co acordo entre a Unión Europea e Mercosur e futura Política Agraria Común (PAC), e lembrou que o tratado pode entrar en vigor de xeito provisional e sen as garantías explícitas no Regulamento de salvagardas. Rueda salientou que a Xunta seguirá insistindo en que é fundamental que calquera tipo de acordo 'garanta que todos os produtos agroalimentarios que entren en Galicia cumpren cos mesmos requisitos que os que se elaboran aquí'.

Entre as iniciativas máis destacadas figuran o desenvolvemento dun amplo plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados e a posta en marcha do Observatorio de Prezos de Galicia. Rueda indicou que os controis realizados na comunidade vixiarán 'a presenza de substancias non permitidas, as condicións sanitarias dos produtos ou a súa correcta etiquetaxe e trazabilidade' e explicou que xa se está a traballar nun observatorio para facer un 'seguimento do mercado para os produtos agroalimentarios'.

Ademais, o presidente indicou que a Xunta tamén levará a cabo o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade; o desenvolvemento dunha estratexia de impulso a exportacións de produtos da nosa comunidade co fin de aproveitar as oportunidades dos novos mercados; ou a realización de campañas de sensibilización dos consumidores para incrementar o consumo da produción propia.

Por outra parte, e a maiores das accións propias, solicitarase ao Goberno central e á Comisión Europea que non poñan en marcha de xeito provisional o acordo mentres non queden blindadas as garantías para os agricultores e gandeiros contempladas no Regulamento de salvagardas, actualmente sen aprobar, e demais cuestións aínda a debate no marco da UE. Tamén se lle pedirá ao Goberno un maior reforzo dos controis de fronteira e que defenda tamén a inclusión de máis DO e IXP galegas protexidas no acordo, posto que actualmente só hai contempladas dúas e Galicia é a terceira comunidade de España con máis indicativos de calidade certificada.

Así mesmo, pedirase á Comisión europea o incremento do fondo de continxencia para crise, así como unha maior dotación de financiación na PAC para paliar os posibles efectos sobre o sector primario europeo. Sobre este mesmo asunto, o decálogo de medidas tamén contempla o impulso a unha fronte ampla con organizacións profesionais agrarias e con comunidades autónomas ante a futura PAC en defensa do sector primario, unha Política Agraria Común que debería contar con máis fondos, cos dous piares diferenciados e con menos requisitos e burocracia. 'Os fondos non poden diminuír', reiterou Rueda.

Contacto continuo co sector

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural mantivo nas últimas semanas un contacto permanente cos diferentes axentes do sector primario para poder estudar, en conxunto, as implicacións do acordo UE-Mercosur para Galicia. Este paquete de dez medidas, ao que se lle poden sumar máis co paso do tempo, buscan protexer e defender os intereses dos agricultores e gandeiros galegos.

Outra actuación salientable será o reforzo da estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e Km0. Farase a través de accións de apoio ao sector produtor, nos principais lineais de distribución e tamén por medio do fomento de feiras e actos que impulsen os produtos galegos, con especial fincapé naqueles con marca de calidade. Esta iniciativa complementarase coa realización de campañas de sensibilización dos consumidores respecto ao consumo de produtos galegos, que son emblema de bo facer, calidade e sustentabilidade social e ambiental.

Así mesmo, implementarase unha estratexia de impulso a exportacións de produtos galegos, especialmente daqueles sectores que poden aproveitar máis a oportunidade do acordo UE-Mercosur, como poden ser, por exemplo, os queixos ou o sector vitivinícola.

Implicacións do acordo para Galicia

O acordo ten implicacións que deben ser analizadas con atención, especialmente no caso de Galicia, pois é unha rexión cun sector agroalimentario altamente desenvolvido e cunha importante concentración de explotacións familiares, que por outro lado son cada vez máis modernas e punteiras. Por tanto, este paquete de medidas específico responde á defensa e impulso do sector primario galego que vén facendo a Xunta de Galicia de xeito constante ante novos escenarios.

No informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta sinálase que as oportunidades do acordo UE-Mercosur para Galicia céntranse principalmente en exportacións de produtos de alta calidade, acceso a materias primas para o gando máis económicas ou cooperación e transferencia tecnolóxica.

R., 2026-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES