Noticias

A Lei de protección da saúde converterá Galicia na primeira comunidade en prohibir o consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores a menores

O DOG publica a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, as bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco a nivel de restricións e, polo tanto, Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohiba a venda e consumo destes produtos a menores de idade. Así a Xunta é a primeira administración en elaborar unha norma deste tipo.

Aborda tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías...) e combina a prevención, a promoción da saúde co control da oferta. As medidas recollidas na Lei fundaméntanse na evidencia científica e en resultados da enquisa nacional Estudes elaborada polo Ministerio de Sanidade entre estudantes de Secundaria.

Segundo os datos do informe de 2025, entre os 14 e os 18 anos o 41,4 % da cativada probou algunha vez os vapeadores. En concreto, o 40,3 % das nenas e o 42,5 % dos nenos. En cambio, o consumo de tabaco é notablemente inferior, cun 29,2 % en nenas e nenos de 14 a 18 anos. No grupo de 14 a 16 anos o consumo, tanto de vapeadores como de tabaco, é lixeiramente maior nas rapazas.

Debido a que os cigarros electrónicos conteñen elementos tóxicos aínda sen ter nicotina, a Lei prohibe a súa venda e consumo a menores.

Amplíase, ademais, a prohibición de fumar aos accesos de centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar, nun radio de 50 metros.

Para reducir o número de fumadores pasivos, tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público.

Riscos das bebidas enerxéticas en menores

As bebidas enerxéticas que conteñen 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen aproximadamente a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores. No seu caso, inxestións superiores a 60 mg poden afectar o sono e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamento, ademais de trastornos cardiovasculares.

Por este motivo Galicia será pioneira a nivel nacional na súa prohibición de venda e consumo por parte de menores, unha medida que tomaron polo de agora países europeos como Polonia ou Letonia.

Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos.

O consumo destas bebidas é habitual entre a xuventude mesturado con alcohol, o que incrementa os riscos de coma etílico. Neste sentido, a Consellería de Sanidade establece que os servizos sanitarios solicitarán a presenza das familias do menor que teña que ser atendido por intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva proporcionándolle asesoramento e recursos de axuda preventivos e asistenciais.

No suposto de que sexa atendido por segunda vez, ofrecerase participar nun programa de axuda e recomendarase a participación do adulto responsable.

Con respecto ao alcohol, a Lei incide no papel de exemplo cara á infancia que teñen os adultos e non estará permitida a venda en centros docentes, centros de lecer infantil e outros centros de recreo dirixidos a menores ou en recintos destinados a espectáculos públicos durante actividades dirixidas a este tipo de audiencia.

Tal e como xa recolle a Lei do Deporte de Galicia, de 2012, non está permitida a introdución, venda e consumo de bebidas alcohólicas nas instalacións onde se desenvolven competicións deportivas.

En canto á promoción de bebidas alcohólicas, queda prohibida en establecementos onde estea autorizado o consumo no propio local mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado.

Tampouco estará permitida a publicidade de bebidas alcohólicas nin enerxéticas na vía pública nunha área de 100 metros de centros docentes e de centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de menores de idade.

Ademais, as máquinas expendedoras só poderán ofrecer bebidas alcohólicas cando dispoñan de sistemas que permitan acreditar a maioría de idade.

Centrada na promoción da saúde

A Lei incorpora como novidade a posibilidade de substituír as sancións pola participación en programas preventivos ou asistenciais como, por exemplo, programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos de beber alcohol, fumar ou consumir cánnabis ou, tamén, traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora.

En liña coas suxestións recibidas por parte de organismos públicos, empresas dos sectores implicados, entidades sen ánimo de lucro e cidadanía, o texto promovido pola Xunta incide na prevención no ámbito familiar, escolar, comunitario e sanitario.

En concreto, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos incorporaranse intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías dixitais.

No referente ás competencias das distintas administracións, a Lei define as mesmas competencias para os entes locais que as establecidas na Lei de 2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores e que foi pioneira a nivel estatal cando se permitía beber viño ou cervexa con menos de 18 anos.

Para garantir a coordinación institucional, crearase unha comisión en materia de prevención das adiccións en Galicia que estará integrada por responsables das áreas da Xunta competentes en materia de sanidade, educación, xogo, xuventude e protección da infancia, ademais das administracións locais e entidades sociais que realizan o seu labor no ámbito da prevención das adiccións, cos que se prevé asinar convenios de colaboración.

Esta lei entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

R., 2026-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES