
En ambos casos, os datos reflicten unha dinámica alcista na evolución da inserción laboral dos titulados universitarios a medida que se avanzan os anos tras lograr a titulación, tanto sexa de grao como de mestrado.
Segundo o estudo do IGE, o 70% dos titulados universitarios galegos no curso 2021-2022 está traballando tres anos despois de graduarse mentres que un 25% opta por seguir formándose ou por outras opcións como preparar unhas oposicións ou estar afiliado a unha mutualidade dun colexio profesional. Neste caso, o estudo abrangue as persoas tituladas nas universidades galegas que residen ou traballan en Galicia, para o cal se tivo en conta a alta laboral na Seguridade Social ou na Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís (MUFACE).
Formaron parte do estudo un total de 11.242 persoas egresadas no ano 2022 en Galicia e que residen e traballan na comunidade autónoma, a razón de 4.451 titulados da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 3.707 da Universidade de Vigo (UVigo) e 3.084 da Universidade da Coruña (UDC).
Os datos obtidos polo IGE constatan unha perspectiva positiva da relación entre os titulados e o mercado laboral a medida que pasan os anos. Así pois, se ao ano de graduarse, o 57,08% está traballando, esta porcentaxe sube ao 70,45% tres anos despois. Pola contra, o número de persoas que continúa estudando tras obter unha titulación descende do 16,46% ao ano de titularse ao 5,9% logo de tres anos. Tamén baixan as persoas que, unha vez tituladas, se atopan noutra situación como preparar unha oposición ou que exercen a súa profesión afiliados a unha mutualidade, que pasa do 22,2% ao 19,57% en tres anos. Pola contra, as persoas en situación de desemprego mantéñense en niveis baixos e estables, cun 4,26% ao ano de titularse e un 4,08% aos tres anos.
Dinámica positiva en todas as áreas de coñecemento
A mellora da inserción laboral dos titulados universitarios co paso do tempo reflíctese en todas as ramas de coñecemento, aínda que a incorporación ao emprego é máis rápida nas áreas de Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura, mentres nas áreas de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, destaca unha maior presenza de persoas que continúan estudando.
Así pois, tres anos despois de obter a titulación, a maior proporción de egresados traballando rexístraa a rama de Ciencias de Saúde (81,52%) seguido de Enxeñaría e Arquitectura (81,21%) e Ciencias (70,14%). En Ciencias Sociais e Xurídicas traballan o 66,38% e en Artes e Humanidades o 50,42%. Canto ao tipo de traballo, prima o traballo por conta allea, no 94% dos casos e, deles, preto do 57% faino a través dun contrato de carácter indefinido aos tres anos de titularse.
Por outra parte, o IGE tamén analiza as bases de cotización no período entre un e tres anos tras titularse, onde tamén se reflicte unha evolución positiva nas mesmas. Os titulados en Ciencias da Saúde son o grupo que rexistra unha base de cotización máis alta aos tres anos ao acadar os 2.651,6 (fronte aos 2.281,6 no primeiro ano de egresado). Séguenlle os da área de Enxeñería e Arquitectura, con 2.516,5 de base de cotización (1.982,8 o primeiro ano), Ciencias con 2.002,6 (1.619,5 o primeiro ano), Ciencias Sociais e Xurídicas con 1.908,6 (1.440,6 o primeiro ano) e Artes e Humanidades con 1.826,8 (1.348,5 o primeiro ano).
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.