Noticias

Máis do 91% dos fogares rurais de Galicia teñen contratados servizos de internet de banda larga

O uso de internet é practicamente universal no rural de Galicia entre as persoas de entre 16 e 54 anos, e máis do 91% dos fogares destas áreas teñen contratados servizos de internet de banda larga, de acordo cos datos do informe Galicia Dixital: A modernización tecnolóxica no rural – Edición 2024 que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia. A conectividade e os usos dixitais seguen avanzando de forma sostida, reducindo a fenda coas áreas urbanas. A publicación analiza o equipamento informático nos fogares, a contratación de internet e banda larga, os usos de internet e o comercio electrónico, así como a interacción en liña coa Administración pública.

O estudo baséase en microdatos da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) e na clasificación do grao de urbanización aliñada coa metodoloxía de Eurostat.

Máis fogares con ordenador e dispositivos

Nos últimos anos, o equipamento informático nos fogares rurais de Galicia experimentou un crecemento notable. Segundo os datos do informe, a presenza de ordenador —xa sexa fixo ou portátil— e doutros dispositivos como tablets é cada vez máis habitual, achegándose aos niveis das áreas urbanas. Esta tendencia confirma que a dixitalización avanza no rural, aínda que con diferenzas internas que cómpre ter en conta.

A conectividade consolídase

En 2024, a contratación de internet e banda larga no rural galego consolídase como un servizo esencial, alcanzando cifras históricas. Por primeira vez, supera o 91% (91,9%). Este avance achega o rural á media galega, situada no 95,5%, reducindo de forma notable a fenda coa contorna urbana. Ademais, nos fogares con tres ou máis persoas a contratación supera o 98%, mentres que nos fogares unipersoais baixa ata o 78,5%, o que evidencia que a conectividade é xa maioritaria e segue a medrar con forza.

Mocidade galega: liderado en comercio electrónico e e-administración

O uso de internet no rural galego continúa medrando e consolídase como unha práctica habitual na maioría dos fogares. Non se detecta fenda de xénero: a porcentaxe é practicamente idéntica entre homes e mulleres, incluso lixeiramente superior no caso das mulleres (90,6% das mulleres do rural son internautas). As principais diferenzas aparecen coa idade. Entre os 16 e os 44 anos, case todas as persoas do rural declaran usar internet (por riba do 99%), e no tramo de 45 a 54 anos a cifra mantense moi alta, cun 97,2%. A partir dos 55 anos, a porcentaxe baixa ata o 89,7%, e no grupo de 65 a 74 anos sitúase no 63,6%, o que confirma que a idade segue a ser o factor máis determinante no acceso e uso da rede.

O 56,2% das persoas do rural compran por internet, ao subir 3,5 puntos no último ano. Por debaixo dos 45 anos xa compra por internet máis do 80% da poboación do rural.

O 82,1% das persoas que viven no rural interactuaron coa administración a través de internet, superando xa o 56% en todos os tramos de idade.

R., 0000-00-00

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES