
Galicia tense consolidado nos últimos tempos como unha terra de referencia no mundo do viño. O tecido produtivo está formado por arredor de medio milleiro de adegas, máis de dez mil viticultores e unha quincena de destilerías, configurando un sector que move cada ano preto de 230 millóns de euros. A viticultura é, ademais, unha das expresións máis recoñecibles da marca Galicia Calidade, un ámbito no que a administración autonómica continúa a poñer o foco.
O mapa vitivinícola galego artéllase arredor de cinco denominacións de orixe -Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra- e catro indicacións xeográficas protexidas -Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Barbanza e Iria-, ademais das IXP específicas para bebidas espirituosas -Licor Café, Licor de Herbas, Orujo de Galicia e Augardente de Herbas-. Estes selos certifican a procedencia e o control rigoroso do proceso produtivo, reforzando a confianza do consumidor e permitindo que os produtos agroalimentarios galegos gañen presenza e competitividade nos mercados. A súa trazabilidade e garantía de calidade representan, en conxunto, a esencia do que identifica á Galicia Calidade.
Catas de Galicia 2025
O Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, acolleu recentemente unha nova edición das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, unha cita que volveu exhibir o alto nivel dos viños e destilados galegos e o seu peso na proxección enogastronómica da comunidade.
Este certame, organizado pola Xunta de Galicia, busca distinguir a excelencia das producións amparadas baixo selos de orixe, poñendo en valor o carácter, identidade e calidade que definen aos elaboradores galegos. Na edición número XXXVII das catas de viños, XXVII das de augardentes e XIV das de licores, participaron preto de 500 mostras procedentes de 176 adegas e destilerías, un incremento de cen mostras respecto do ano anterior.
O procedemento de valoración caracterízase polo seu rigor: as botellas de viño son embolsadas para garantir o anonimato e ás mostras de augardentes asígnaselles unha numeración reservada en segredo pola secretaria do xurado. O panel de cata empregou tablets con software especializado, que permite puntuar cada mostra en fases visuais, olfativas e gustativas -e no caso dos espumosos, tamén a súa efervescencia-.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.