
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, desprazouse hoxe a Barcelona para participar nunha xornada de traballo en materia de I+D+i, compartir así experiencias entre ambas comunidades autónomas e establecer sinerxías e colaboración futuras. Con este fin, o representante do Goberno galego visitou o Barcelona Supercomputing Center (BSC). Este centro será, xunto co CESGA (Centro Supercomputación de Galicia), unha das institucións que albergue unha das 19 novas fábricas europeas de intelixencia artificial. Isto converte a España nun dos tres únicos países que contará con dúas factorías de IA.
O obxectivo da viaxe do conselleiro é coñecer de primeira man o modelo catalán, continuar intercambiando estratexias nesta materia entre ambos territorios e avaliar posibles colaboracións tanto a nivel administrativo como capacidades entre sistemas de investigación. Dá continuidade á visita realizada a Galicia o pasado mes de outubro pola conselleira de Investigación e Universidades da Generalitat, Núria Montserrat.
O representante da Xunta agradeceu a súa homóloga catalá este encontro e puxo en valor o traballo da Generalitat en materia de I+D+i. É importante coñecer outros modelos, supón un reforzo para mellorar as nosas políticas públicas, sinalou Román Rodríguez, quen se referiu ao encontro como unha oportunidade para establecer colaboracións, especialmente na computación cuántica e a intelixencia artificial.
Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; polo director científico do CESGA, Lois Orosa, e polo responsable do equipo de Cuántica do CESGA, Andrés Gómez Tato.
Galicia e Cataluña son as dúas únicas comunidades de España que van contar con fábricas de IA, o que pon de manifesto o importante labor desenvolto no campo das tecnoloxías profundas por ambas comunidades. É un fito que debemos aproveitar e estreitar as nosas colaboracións, afirma Román Rodríguez, quen incide en que esa colaboración entre o BSC e o CESGA xa é real a través da Rede Española de Supercomputación, algo que se intensificará agora a través das factorías europeas.
Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas
O representante do Goberno galego tamén participa este xoves na xornada de presentación dos resultados científico-técnicos do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas a nivel estatal, no que Galicia se sitúa como referente nacional e internacional. De feito, esta área é un dos ámbitos estratéxicos para a Comunidade, como define o Plan galego de investigación e innovación 2025-27 debido ao seu potencial transformador sobre a nosa economía e no avance da I+G+i.
No que atinxe a Galicia, as tres universidades públicas e o CESGA colaboraron no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas e no reforzo da ciberseguridade en España, con fitos tan importantes como o despregamento da liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España e unha das máis longas de Europa ao superar os 120km de distancia- entre Vigo e Santiago de Compostela, entre outros logros.
Ademais, o conselleiro galego aproveitou a súa visita a Cataluña para asistir á xornada Cataluña mira ao ceo, unha iniciativa vinculada ao eclipse que terá lugar o vindeiro mes de agosto e que se presenta como unha oportunidade de divulgación científica.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.