
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico constituirá no 2026 unha fundación de colaboración público-privada que servirá de apoio para desenvolver un novo modelo de investigación forestal na comunidade. O obxectivo, tal e como explicou durante o V Encontro Intersectorial do Ecosistema Forestal de Galicia Piñeros 25, é impulsar a innovación nun sector estratéxico para a comunidade e avanzar cara un monte diverso, produtivo, que xere emprego e riqueza en Galicia.
Durante a súa intervención neste foro, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente resaltou que todas as empresas interesadas poderán participar nesta nova fundación coa que se busca consolidar unha industria forestal potente en Galicia que lle permita ser líder e punteira a nivel europeo.
Tal e como explicou Rueda, a Fundación terá dous eixes centrais de actuación: avanzar na mellora, conservación e coidado das especies e apostar pola industrialización do produto aproveitando as oportunidades que ten a madeira en sectores como o da vivenda. Nesta liña resaltou o potencial da madeira como elemento construtivo, elemento de futuro que cómpre consolidar tanto á hora de construír novas vivendas como na rehabilitación de inmobles.
Ademais a Xunta apoia ao sector da madeira con outras medidas como axudas específicas para modernizar o sector ou achegas para facer fronte aos tratamentos fitosanitarios contra as pragas. A saúde das especies forestais é unha prioridade para o Goberno galego. Por iso, os orzamentos de 2026 inclúen unha partida de case 8 millóns para tratamentos e outras actuacións sanitarias. Isto supón máis do dobre que o reservado nas contas autonómicas de 2025.
Galicia, referente no sector da madeira
A industria forestal-madeira é un dos motores da economía galega e sitúa a Galicia como referente no sector a nivel estatal. Galicia aglutina máis da metade das cortas de madeira de toda España, o sector xera preto de 20.000 empregos e factura uns 2.500 millóns de euros ao ano. Polo que supón respecto ao PIB, ao asentamento de traballo nas zonas rurais ou a súa capacidade de combinar tradición e innovación, o sector da madeira é unha parte fundamental desa Galicia Calidade, indicou o presidente.
Rueda resaltou a importancia da colaboración público-privada neste eido non só para avanzar cara un sector máis innovador e sostible senón tamén no coidado dos montes e na prevención dos incendios forestais. Nesta liña lembrou que o terreo forestal ordenado e aproveitado reduce o risco de lumes e avanzou que a Xunta publicará nas vindeiras semanas a actualización do inventario forestal para seguir mellorando na ordenación do monte galego.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.