
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe na presentación da segunda edición do festival de humor e literatura infantil Hematofesti. O evento, que se desenvolverá entre o 4 e o 8 de novembro en Vigo, conta co apoio da Xunta de Galicia, e consolidarase como un reclamo para o público infantil e familiar neste outono.
Como explicou o director de Turismo, a iniciativa -que homenaxea ao escritor e comunicador Miguel A. López, coñecido como O Hematocrítico, que finou en 2023- propón unha variedade de actividades que contribuirán a encher a oferta de lecer e tamén as propostas tanto para os vigueses como para as persoas que visiten a cidade. De feito, como indicou, a iniciativa enmárcase nas máis da decena de accións, entre concertos e actividades culturais e deportivas que Turismo de Galicia apoia na cidade olívica.
Xosé Merelles felicitou á organización -liderada por Ledicia Costas e Alberto Vázquez- por ser quen de organizar un evento cunha programación ampla e plural, especialmente dirixida tanto aos profesionais da ilustración como a un segmento de público -o familiar e infantil- no que a Xunta de Galicia está a traballar no marco da Estratexia de Turismo de Galicia 20230 para enriquecer a súa visita a Galicia. Ademais, mediante esta colaboración, a Xunta de Galicia avanza nos seus obxectivos de desestacionalizar a oferta turística, ao contribuír á programación na cidade de Vigo durante o mes de novembro.
Humor e literatura
Durante as cinco xornadas do Hematofesti, poderase gozar de distintas actividades, como un ciclo de curtametraxes de animación nas escolas, proxeccións, contacontos, concertos, charlas e obradoiros de distinto tipo, así como dun espazo de gaming, que se desenvolverán en distintas localizacións da cidade, entre elas librarías e espazos culturais.
En concreto, a programación inclúe nomes como os ilustradores Javier Jaén e Bea Lema, os autores autores coma Pedro Mañas, Susanna Isern, Antonio M. Fraga ou Eva Mejuto, o humorista Xosé Antonio Touriñán, os músicos Lucía Aldao, Silvia Superstar, IGMIG e Grande Amore, o xornalista Noel Ceballos, e as escritoras Yolanda Castaño e María Lado.
Entre as actividades, a exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez abrirá as súas portas na sede da Deputación Provincial en Vigo coincidindo co inicio do festival. A partir do 15 de novembro, contará cunha oferta de talleres de ilustración e clubs de lectura (de balde) deica o Nadal. O xogo e a imaxinación tamén serán eixos do Hematofesti. Este ano, o xigante xaponés dos videoxogos, Nintendo, volve colaborar co festival cun Espazo Gaming no Centro Comercial Vialia aberto de xoves a sábado. N
Nesta segunda edición o festival organiza Queremos Humor! Academia de comedia de Ignatius Farray, unha residencia humorística onde o recoñecido cómico canario impartirá obradoiros e titorías aos asistentes ao longo da semana no Vitruvia Club.
O xoves 6, no Auditorio Mar de Vigo celébrase a Hematogala, un grande evento presentado por Xosé Antonio Touriñán e María Lado que contará coas actuacións de Grande Amore, IGMIG, Ignatius Farray, Noel Ceballos, Nus Cuevas, Silvia Superstar e Sobria y Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín).
Encontros profesionais
O festival dedica dous días a encontros profesionais baixo o lema Economía e Cultura: O Binomio Fantástico, que se desenvolverá o martes 4 e o venres 7 no Auditorio do Consorcio da Zona Franca de Vigo. O primeiro día ofrecerá unha conversa entre Luz Casal e Ledicia Costas moderada por Lucía Aldao, arredor da acción cultural como ferramenta económica e social. O venres con mesas e entrevistas, nas que participarán figuras como Alberto Vázquez, Alejandro Pérez, Noel Ceballos, María Moya, Xosé Antonio Touriñán, Elena Ferro, Ledicia Costas, Yolanda Castaño ou Lucía Aldao.
O sábado está reservado para a xornada Queremos Literatura Infantil na Sede da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo. Coordinada por Eva Mejuto e Montse Pena Presas e centrada nesta edición no álbum ilustrado, destínase a público profesional da literatura infantil e a docentes, pero tamén ao público lector. O programa inclúe mesas redondas sobre edición, creación e álbum ilustrado, coa participación de editoriais e autoras recoñecidas. Ademais, haberá un espazo dediado ao formato oral con Caxoto e Charo Pita. A xornada pecharase coa entrega do II Premio de Álbum Ilustrado Humor con H e do premio de honra do Hematofesti Lenda do Recreo, que nesta edición homenaxeará a Teresa Rabal, coa entrega a cargo de Manuel Bragado, galardoado na primeira edición.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.