Noticias

A Cidade da Cultura lanza unha liña de actividades ao redor das exposicións do Museo Gaiás con propostas de teatro inmersivo ou un 'escape room'

A Cidade da Cultura de Galicia inaugura este outono unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Gaiás_Inspira, engloba así propostas innovadoras dirixidas tanto a público adulto como infantil e xuvenil, que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público, ao xogo e á aprendizaxe compartida, e que inclúen desde teatro inmersivo a visitas especiais ou unha xincana en formato escape room. A primeira das actividades coa que arrinca esta nova proposta da Cidade da Cultura será Castelao e Savelev: olladas converxentes, unha creación escénica de Oístes? Teatro en coprodución con Teatro En Punto, que presenta unha obra inmersiva deseñada para o segundo andar do Museo Centro Gaiás, onde neste momento se están a exhibir as exposicións 'Castelao. Mirar por Galicia' e 'Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar'.

Cun elenco composto por Tyler McKechnie e Gloria Rico, esta peza semi-improvisada inspírase nas vidas e obras do artista e intelectual de Rianxo e do fotógrafo ucraíno, máis próximas do que poidan semellar grazas aos seus trazos atemporais e universais. Durante as funcións, o público móvese libremente, véndose mergullado nunha acción dramática que se desenvolve en paralelo e simultaneamente en distintos puntos da sala, dando vida ao contido expositivo ao integrar teatro e museo nun formato non convencional.

Castelao e Savelev: olladas converxentes programa cinco funcións os días 18, 19, 25 e 26 de outubro e 2 de novembro no Museo Centro Gaiás. A asistencia é gratuíta, previa reserva de praza a través da páxina web da Cidade da Cultura.

Outras actividades

A exposición Castelao. Mirar por Galicia será tamén a protagonista dunha xincana de enigmas en formato escape room que a Cidade da Cultura programará no vindeiro mes de novembro, dirixida a público xuvenil e familiar. A liña de programación Gaiás_inspira sumará proximamente outras propostas que serán deseñadas de maneira específica para cada unha das mostras incluídas na programación do Museo.

Estas actividades ao redor das exposicións súmanse ao programa de visitas guiadas regulares que o Museo Centro Gaiás ofrece de balde para público xeral, así como ao seu programa didáctico, con contidos adaptados ás visitas escolares dos diferentes niveis educativos.

R., 2025-10-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES