
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza o ciclo de concertos Xoán Montes ao piano - O son do pasado que conmove o presente, con seis actuacións noutras tantas cidades e localidades galegas entre elas Monforte de Lemos e Lugo - durante os meses de outubro e novembro.
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación do programa, coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e dun dos intérpretes que participan no proxecto, Javier Ares Espiño, catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
A idea de divulgar a creación musical dun compositor lucense do Rexurdimento é o eixe deste ciclo de concertos de homenaxe a Xoán Montes na súa faceta como pianista. A súa produción para este instrumento é a parte máis descoñecida do seu catálogo e representa unha parte esencial do patrimonio cultural galego no eido musical.
Xunto con Javier Ares Espiño, encargaranse das interpretacións Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto, todos eles con sólidas traxectorias artísticas e consolidados como referentes na recuperación e posta en valor da música galega dos séculos XIX, XX e XXI.
Os concertos do mes de outubro comezarán o vindeiro sábado día 11 no Liceo de Ourense ás 19,30 horas -; para continuar o venres 17 na Casa da Cultura de Monforte de Lemos 20,15 h. -; o sábado 18 no auditorio municipal de Rianxo 20,30 h. -; e o xoves 23 na Casa do Saber de Lugo 20,30 h. -.
As actuacións continuarán o venres 14 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo 21,00 h. - e o sábado 15 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra 19,00 horas -. As entradas a todos os concertos serán gratuítas ata completar aforo.
A iniciativa está promovida pola Xunta en colaboración co Liceo de Ourense, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos, o Concello de Rianxo, o Vicerreitorado de Estudantes e Cultura da USC do Campus de Lugo, o Concello de Carballo, o Museo de Pontevedra, o Grupo Organistrum da USC, o proxecto Estudos históricos de Música en Galicia e América (ss. XI-XX); e o proxecto de I+D+i Galicia-América: Música civil, ideoloxía e identidades culturais a través do Atlántico (1800-1950).
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.