Noticias

A Filmoteca de Galicia recupera 400 horas de vídeos de acontecementos históricos dos anos 80

A Filmoteca de Galicia está a documentar centos de horas de vídeos de acontecementos históricos dos anos oitenta, procedentes do fondo depositado na cinemateca da Xunta polo produtor coruñés Xosé Xoán Cabanas Cao. O volume deste arquivo é moi amplo, cunha cifra próxima ás 400 horas de material entre as algo máis de 180 horas de vídeo dos seus 300 traballos finalizados e un cómputo superior ás 200 horas en brutos adscritos a estas producións. Os contidos pertencen a diversas produtoras e abranguen pezas de toda índole, tanto de ficción como documental, pero é neste último apartado no que o fondo destaca pola súa singularidade histórica dentro do panorama audiovisual galego dos anos oitenta.

A primeira das produtoras nas que Cabanas Cao tivo unha participación moi activa foi Espello Vídeo Cine, creada en 1981, catro anos antes do nacemento de Televisión de Galicia. Neste sentido, son moi escasos os rexistros videográficos da época, que esta empresa cubriu case de maneira exclusiva. As imaxes captadas polas súas cámaras son, pois, un patrimonio fundamental para comprender a historia recente de Galicia, nun momento no que a Comunidade Autónoma estaba a dar os seus primeiros pasos.

Difusión deste legado entre o público

Logo dun traballo de dixitalización e documentación que se iniciou a principios de 2024 e que aínda continúa, dado o vasto volume deste arquivo, a Filmoteca comezará a compartir este legado co público a través dunha serie de proxeccións que arrancan este xoves día 9 e se estenderán ata decembro.

Son un total de catro sesións, ordenadas por instantes moi concretos e por división temática, que se inician coa crónica política de Galicia entre os anos 1981 e 1983. De feito, Espello Vídeo Cine fixo para Unión de Centro Democrático os vídeos de campaña das eleccións autonómicas de 1981 e, na peza que se proxectará o xoves ás 20,30 h., se recolle a visita a Galicia de Adolfo Suárez para apoiar os candidatos e as declaracións dos cabezas de lista das catro provincias explicando as principais ideas do seu programa.

Tamén se poderá lembrar nesta proxección a multitudinaria manifestación a favor da capitalidade na Coruña celebrada en 1982 e que reuniu nas rúas herculinas unhas 150.000 persoas, sendo aínda a día de hoxe a de maior poder de convocatoria das celebradas na cidade. Xa en 1983, o socialista Francisco Vázquez faríase coa alcaldía, inaugurando un novo ciclo político na localidade. A súa xura do cargo conforma o terceiro vídeo na sesión.

Tanto o ex alcalde coruñés como Enrique Marfany, ex presidente da Deputación Provincial da Coruña, como persoeiros políticos protagonistas destes momentos históricos, acompañarán o produtor Xosé Xoán Cabanas Cao e o investigador Manolo González nesta primeira xornada para comentar as pezas en proxección.

Para a segunda das sesións, que terá lugar o sábado 11 ás 18,00 h., seleccionáronse tres vídeos centrados no efervescente panorama cultural da Coruña en 1982, do que dá conta a festa da poesía en abril, o primeiro concurso de rock en xullo e o festival de cine de comedia en outubro.

O primeiro dos acontecementos xuntou no Teatro Rosalía Castro recoñecidas figuras da literatura do momento, como Luz Pozo Garza, Bernardino Graña ou Miguel González Garcés, con algúns dos novos talentos daquela, como Manolo Rivas ou Lois Pereiro. E no caso do festival de comedia dese ano, a cidade recibiu grandes estrelas de Hollywood como Ben Gazzara, Joan Bennett ou Steve Martin.

Pola súa banda, o concurso precursor do Noroeste Pop Rock saldouse coa polémica expulsión do grupo vigués Siniestro Total en circunstancias que Nonito Pereira Rey, experto en música que formou parte do xurado, recordará na sesión do sábado. Nela participará tamén o xornalista Cándido Barral, mítica voz do programa de radio El coruñés opina, que traballou en Espello Vídeo Cine durante moitos anos.

Historia de Galicia

En novembro cubriranse diversas festas e manifestacións folclóricas de toda Galicia, mentres que en decembro farase unha análise da economía galega dos oitenta tanto no agro como na industria a través de reportaxes empresariais para múltiples conserveiras, a desaparecida Mafriesa, Estrella Galicia, Leyma, La Voz de Galicia, Caixa Galicia, Semana Verde de Silleda, Fundación Barrié, a Cámara de Comercio da Coruña ou GOA (xermolo do que hoxe é Inditex).

Mediante os traballos para estas e outras firmas e os encargos que recibía de concellos, deputacións e da propia Xunta, Espello Vídeo Cine acabou por rexistrar de maneira moi exhaustiva o que foi a Galicia dos anos oitenta. A recuperación deste fondo facilita, pois, a investigación histórica sobre esa época e permite contar cunha ampla variedade de material para documentar audiovisualmente este momento de cambio político e social.

O arquivo está aberto á cidadanía e pode consultarse previa demanda no enderezo electrónico que se indica na web da Filmoteca, na que tamén figurará actualizado o programa de proxeccións.

R., 2025-10-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-nos.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia inaugura este outono unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Gaiás_Inspira, engloba así propostas innovadoras dirixidas tanto a público adulto como infantil e xuvenil, que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público, ao xogo e á aprendizaxe compartida, e que inclúen desde teatro inmersivo a visitas especiais ou unha xincana en formato escape room. A primeira das actividades coa que arrinca esta nova proposta da Cidade da Cultura será Castelao e Savelev: olladas converxentes, unha creación escénica de Oístes? Teatro en coprodución con Teatro En Punto, que presenta unha obra inmersiva deseñada para o segundo andar do Museo Centro Gaiás, onde neste momento se están a exhibir as exposicións 'Castelao. Mirar por Galicia' e 'Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar'.
Foto de la tercera plana (xoan-montes-ao-piano.jpg) A idea de divulgar a creación musical dun compositor lucense do Rexurdimento é o eixe deste ciclo de concertos de homenaxe a Xoán Montes na súa faceta como pianista. A súa produción para este instrumento é a parte máis descoñecida do seu catálogo e representa unha parte esencial do patrimonio cultural galego no eido musical. Xunto con Javier Ares Espiño, encargaranse das interpretacións Jorge Briones Martínez e Pablo Diago Busto, todos eles con sólidas traxectorias artísticas e consolidados como referentes na recuperación e posta en valor da música galega dos séculos XIX, XX e XXI. Os concertos do mes de outubro comezarán o vindeiro sábado día 11 no Liceo de Ourense (19,30 horas).

Notas

'Foi un absoluto transformador da Universidade'. Con estas verbas o reitor Antonio López Díaz referiuse ao que fora profesor da USC, o químico Fernando Calvet i Prats, figura central do acto co que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conmemorou este mércores 8, no Colexio de Fonseca, o Día da Ciencia en Galicia. Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 - Barcelona, 1988) foi o introdutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia, iniciador da investigación química na USC nos anos 30 do pasado século e pioneiro na aplicación da química á industria.
O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) volve este mes de outubro e faino cumprindo a maioría de idade, celebrando a súa XVIII edición. Nesta ocasión, os principais escenarios da cidade acollerán dez sesións nas que se poderán ver un total de 14 representacións de compañías principalmente galegas pero tamén foráneas. Un ano máis, o campus volve a ser unha das entidades que apoian o certame e que tamén acolle parte da súa programación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES