
Así, Galicia vén advertindo -co consenso do sector e das demais comunidades autónomas- que o documento presentado pola Comisión supón o desmantelamento do modelo actual da PAC, baseado en dous piares con dous fondos diferenciados e que permite asegurar a renda dos agricultores e, ao tempo, fomentar o desenvolvemento rural.
Neste sentido, o director xeral insistiu en denunciar o severo recorte de fondos da nova proposta, de ata un 20 % respecto á presente PAC, xunto cun incremento da porcentaxe de cofinanciación, algo que suporá para Galicia un impacto negativo dun 25 % en relación coa situación actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais.
Asemade, Cerviño lamentou que a Comisión xere incerteza xurídica no sector e que o texto proposto mesmo poida supoñer unha subida dos prezos dos alimentos polo incremento dos custos de produción e venda, que non serán compensados suficientemente a través da PAC e que acabarán sendo repercutidos ao mercado, co consecuente incremento dos prezos ao consumidor.
Durante a xornada abordouse a proposta do Novo Marco Financeiro Plurianual, os ecorreximes ou as comprobacións da loita contra a fraude, entre outros asuntos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.