Noticias

O Consello Galego de Pesca aproba por unanimidade o ditame que rexeita a proposta da Comisión Europea sobre o novo marco financeiro plurianual 2028-2034

O Consello Galego de Pesca, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, aprobou este venres o Ditame que rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 anunciado a finais de xullo pola Comisión Europea, ao considerarse lesiva e prexudicial para Galicia. O documento, ratificado por todos os integrantes deste órgano consultivo, é o resultado da unidade de acción emprendida a comezos de agosto polo grupo de traballo creado para deseñar unha folla de ruta a este respecto. E é que, lembrou a responsable autonómica, o plantexamento do órgano europeo implica a desaparición do carácter específico do Fempa, supoñendo unha insuficiencia orzamentaria, e a invisibilidade do sector para Europa.

Ademais, deixa á discreción dos Estados membros as prioridades e criterios de reparto duns recursos estratéxicos para Galicia, como principal rexión pesqueira europea e, por tanto, a maior beneficiaria do actual fondo.

Galicia segue marcando o rumbo

Por tanto, con este Ditame a Comunidade Autónoma dá un paso máis para sumar argumentos e seguir liderando, da man do sector, a defensa da actividade pesqueira. Unha posición que xa quedou de manifesto a mediados de setembro na reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, no transcurso do Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, e na que o Executivo estatal asumiu como propias o 100 % das propostas expostas con anterioridade pola Consellería do Mar, confirmando, en consecuencia, que o Goberno galego estaba no certo e que segue a ser a Administración que marca o rumbo nesta nova etapa europea cara o horizonte 2034.

O Ditame é un exemplo da unión entre Administración e sector, pero tamén pon de relevo a capacidade de anticipación da Xunta, pois o Executivo estatal aínda non constituíu o grupo de traballo anunciado polo ministro para establecer unha posición nacional conxunta ante un proceso de negociación complexo e intenso que comeza agora en Europa, e que culminará ao longo do ano 2027, cando se agarda o peche definitivo do marco e a fixación dos montantes asignados a cada Estado membro.

Neste punto, lembrou a conselleira, é o Goberno de España o que ten que avalar dita proposta nun proceso que debe ser aprobado pola unanimidade dos Estados membros.

R., 2025-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES