Noticias

O novo decreto de FP inclúe a figura do profesor asociado e avanza no recoñecemento mutuo de créditos entre estas ensinanzas e a universidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Goberno galego inclúe no novo decreto de FP a figura do profesor asociado e avanza no recoñecemento mutuo de créditos entre estas ensinanzas e a universidade. O Consello da Xunta analizou un informe sobre o inicio da fase de tramitación do anteproxecto de decreto polo que establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Un texto no que a Xunta traballa desde hai ano e medio e que ten como obxectivo regular en Galicia os ciclos de FP básica, de grao medio e superior, así como os másteres destas ensinanzas, adaptándoas á nova normativa estatal.

De feito, o decreto permitirá que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP desenvolva os currículos dos ciclos, o que propicia a axilización da adaptación da normativa ás necesidades do tecido e da sociedade.

Parte das novidades, como por exemplo a implantación da FP dual intensiva, o incremento das horas de formación práctica e os novos módulos, que duplican en Galicia o inglés na FP, xa funcionan este curso. Porén, tal e como sinalou o titular do Executivo galego, o novo decreto traerá consigo novas medidas de impulso á excelencia da FP galega, entre as que destacan a implantación dunha figura similar á do profesor asociado, a promoción do recoñecemento mutuo de módulos entre estas ensinanzas e as universitarias ou a posibilidade de deseñar currículos de carácter internacional, con validez en máis dun país.

O texto comeza agora a súa tramitación intermedia, coa súa exposición pública e remisión aos órganos pertinentes (mesa sectorial, Consello Galego de FP, Consello Escolar...). O presidente salientou que a previsión é poder publicar o novo decreto “no último trimestre do ano 2025”, de tal forma que se aplicaría a partir do curso 2026/27. No entanto, a regulación para o curso 2025/26 farase a través da dunhas instrucións, tal e como se fixo, sen dificultades, para o actual ano académico.

A regulación da nova FP continuará, a posteriori, co desenvolvemento do decreto a través de novos textos normativos referidos aos currículos das titulacións, a admisión e outros aspectos.

Cómpre destacar que o atraso e os constantes cambios e contradicións do Ministerio de Educación na publicación da normativa de desenvolvemento, con novas correccións de erros hai poucas semanas, fixeron da elaboración deste decreto un proceso de gran complexidade. Ademais, tanto a lei como os reais decretos estatais deixan pouca marxe á regulación autonómica, polo que é preciso axustar ben a redacción do texto ao establecido polo Ministerio.

Reforzo da relación coas empresas

Rueda destacou que entre as principais novidades do decreto prevese a creación dunha “figura semellante á do profesor asociado” para a FP, un profesional que poderá impartir clase nos módulos de FP para reforzar a conexión entre a empresa e o mundo educativo, como o que xa existe na universidade. Trátase de persoal experto asociado que conte cun recoñecido prestixio profesional ou presten os seus servizos en empresas e entidades de importancia significativa para os sectores produtivos galegos e que tamén apoien accións de investigación e innovación. Impartirán ofertas de másteres de FP e de alta especialización.

Ademais, establécese a posibilidade de que os centros realicen a proposta de contratar profesionais expertos do sector produtivo para determinadas circunstancias, así como de incorporar aos centros persoas expertas sénior procedentes de empresas, próximas á xubilación ou en situación de prexubilación.

O reforzo da colaboración coas empresas tamén se desenvolverá incrementando o seu vínculo cos centros, con plans de potenciación de actuacións conxuntas de innovación e investigación, difusión e acreditación da experiencia.

Tamén regúlase a formación en empresa para a adaptala ás novas circunstancias da normativa estatal de xeito flexible e favorecendo a súa remuneración, nun modelo máis similar ao da FP dual intensiva.

Ponte coa universidade

O presidente sinalou tamén que o decreto recolle a promoción do recoñecemento mutuo de créditos entre a Consellería e as universidades galegas, no seu ámbito de competencia, o que terá que ser desenvolvido posteriormente nun procedemento específico.

Cómpre lembrar que o Goberno galego xa facilita o recoñecemento de materias ao alumnado que acceda á universidade desde os ciclos superiores de FP, a través dos acordos asinados coas tres universidades públicas. O obxectivo é que se avance no procedemento inverso, é dicir, en que se recoñezan os créditos dos universitarios que queiran matricularse en ensinanzas de FP. Acción competencia do Ministerio que levamos tempo solicitando, sen resposta, e agora queremos desenvolver desde Galicia –no noso ámbito de competencia– para dar máis oportunidades.

Internacionalización e innovación

No que atinxe á internacionalización da FP, Rueda destacou que se establece a posibilidade de deseñar currículos de carácter internacional. Serían títulos que combinarían parte do currículo galego e parte doutro país, de tal forma que tiveran validez en ambos.

No eido da innovación, afóndase na potenciación da investigación e da innovación aplicada destacando o papel do Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros e favorecendo a creación de redes de centros de innovación avanzada.

Orientación e empregabilidade

No marco do Plan FPGal360, o novo decreto potencia a información e a orientación profesional integral, incorporando a intelixencia artificial con ferramentas como OPI Orienta.

Ademais, o texto incorporará as novas vías de FP que a Xunta ten en marcha para promover empregabilidade do alumnado, como os títulos de alta especialización (formación a medida das empresas e dos sectores profesionais) ou as formacións aceleradas, que se comezarán a impartir xa o vindeiro curso.

Complexo proceso

A Consellería de Educación traballa desde xaneiro de 2024 na elaboración deste texto. Para iso, ademais das propostas recibidas na exposición pública, tivéronse en conta, entre outras, as achegas procedentes dos grupos de traballo coa Inspección Educativa, as reunións periódicas coas direccións da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional, así como a información recollida nos encontros do Plan Conecta FP.

R., 2025-06-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (memorias-neno-labrego.jpg) O espectáculo Memorias dun neno labrego, co que a Xunta de Galicia conmemora o 65º aniversario da publicación da emblemática novela de Xosé Neira Vilas e o 10º do pasamento do autor, está a acadar unha gran resposta do público galego, que está a encher o Salón Teatro de Santiago de Compostela en todos os pases desta produción do Centro Dramático Galego e Contraproducións. Coas entradas xa esgotadas para as funcións programadas na sede da compañía pública desde o pasado día 8 ata o domingo 25 e do 11 ao 15 de febreiro, o equipo prepara xa o inicio dunha xira que arrancará en nove escenarios das catro provincias.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco. Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a USC sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon.

Notas

Vigo será o primeiro campus en España en dispor dun servizo de vehículo autónomo e conectado que poderá ser utilizado por toda a comunidade universitaria para os seus desprazamentos entre edificios. O vehículo, desenvolto integramente en Galicia e con capacidade para 8 persoas, non só facilitará o traslado entre edificios, senón que permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións moi variables.
Abordar o réxime da dixitalización no traballo é unha obrigación para a negociación colectiva galega. Con todo, é unha tarefa que pode atopar dificultades ao ser tratada en solitario polos axentes sociais en cada sector, polo que 'convén dotala do maior apoio institucional posible'. Esta é a primeira das recomendacións que se realizan no informe sobre a dixitalización nos convenios colectivos de sector galegos, impulsado polo Consello Galego de Relacións Laborais e dirixido polo profesor da USC, José María Miranda Boto.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES