Noticias

Rueda alerta de que unha decena de proxectos industriais están en risco en Galicia por falta de capacidade na rede eléctrica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu esta mañá durante o foro Galicia hacia el futuro, organizado por Europa Press Galicia, da existencia de polo menos dez proxectos industriais de gran envergadura que se atopan actualmente en risco de non poder desenvolverse debido á insuficiente capacidade de conexión á rede eléctrica. 'Contar cunha rede moderna, robusta e adaptada' ás necesidades das industrias do futuro 'é algo fundamental', indicou. Rueda resaltou que reforzar as actuais infraestruturas eléctricas na comunidade e mellorar a evacuación das enerxías renovables é unha necesidade 'real e urxente' para o tecido produtivo xa que, manter as actuais condicións, supón unha ameaza directa para o crecemento económico e a atracción de investimentos na comunidade.

O presidente lamentou que o Goberno non teña en conta ás necesidades dos territorios á hora da planificación eléctrica e sinalou que a escaseza de infraestruturas adecuadas está a provocar non só a paralización de iniciativas xa formuladas, senón tamén a perda de oportunidades que nin sequera chegan a materializarse debido á falla de incentivos que representa este déficit para os potenciais investidores. “Galicia ten capacidade para xerar enerxía, estabilidade política e man de obra cualificada pero falta mellorar a rede eléctrica”, resaltou.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego destacou que “Galicia é unha potencia enerxética” consolidada, con case un 85% da súa xeración eléctrica procedente de fontes renovables en 2024, “liderando sectores como a eólica, a hidroeléctrica” e a biomasa. Subliñou tamén a importancia de avanzar cara unha transición enerxética xusta, na que os territorios xeradores obteñan retorno en forma de emprego, infraestruturas e capacidade de decisión. “Galicia non pode seguir a ser un xerador silencioso de enerxía en España, temos que aproveitar esta oportunidade”, indicou.

Rueda volveu reclamar ao Goberno central actuacións concretas para garantir a continuidade do desenvolvemento industrial de Galicia, entre elas o reforzo da rede eléctrica, a definición de corredores estratéxicos que teñan en conta as capacidades locais e unha redistribución xusta dos retornos fiscais.

Desde a Xunta, asegurou o xefe do Executivo autonómico, seguiranse impulsando políticas activas para garantir que os beneficios da produción enerxética revertan no territorio. Entre outras iniciativas, mencionou a Lei de Recursos Naturais de Galicia, a repotenciación dos parques eólicos e o deseño dun novo plan sectorial que permita máis potencia instalada en menos superficie e con maior seguridade xurídica.

Claves da Galicia do mañá

Apelando ao título da xornada -Galicia hacia el futuro-, o presidente asegurou que “o progreso económico” de Galicia aséntase “en dous piares”. Por unha parte, facilitar o crecemento empresarial na comunidade da man “das industrias do futuro” e, por outra, “non descoidar o I+D+i”. “Un país que non investiga é un país que queda atrás”, resaltou.

R., 2025-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES