Noticias

A Estratexia galega contra a soidade non desexada ofrece novas medidas coma redes de apoio local ou un teléfono específico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que a Xunta vai reforzar a Estratexia contra a soidade non desexada con novas medidas coma a 'creación de redes de apoio local' ou un servizo multicanle de atención específica para as persoas en esta situación. O obxectivo é facer fronte a 'un dos desafíos sociais do noso tempo' que está ligado ao incremento da esperanza de vida. O Consello da Xunta de Galicia aprobou esta mañá esta Estratexia e o seu plan de acción, que inclúe medidas xa en marcha e outras novidosas, e que estará dotada de 'máis de 145 millóns de euros'.

Tal e como explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o documento fixa catro eixos de actuación: 'a detección, a sensibilización, a prevención e a intervención', cada un deles con propostas concretas.

Así, no que atinxe ao primeiro destes eixos, a detección, “buscamos un sistema de alarmas que identifiquen casos concretos”, indicou a conselleira. Nesta liña, prevese a elaboración dun protocolo para identificar situacións de soidade non desexada e a creación dun censo. Tamén se prevé utilizar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para detectar e activar os recursos necesarios para combater situacións de soidade non desexada; así como unha maior coordinación cos traballadores sociais de atención primaria e dos concellos.

Outra medida que forma parte deste eixo, tal e como explicou o presidente, é a creación de redes de apoio local e comunitario “para detectar situacións de vulnerabilidade e illamento social entre as persoas maiores”. Estarán formadas por “comercios de barrio, bares e cafeterías, farmacias, carteiros, centros parroquiais ou asociacións veciñais” que contarán cun distintivo e “darán a voz de alarma en caso de que identifiquen sinais preocupantes” nalgunha persoa maior do barrio ou parroquia. Ademais, en cada lugar haberá un coordinador “en estreita colaboración cos servizos sociais”.

No marco da sensibilización, desenvolveranse campañas informativas e de concienciación, programas de formación para profesorado e alumnado e recoñecerase o traballo de persoas e entidades contra a soidade non desexada. Ademais, e xa no campo da prevención, a estratexia aposta por seguir promovendo actividades interxeracionais, por poñer en marcha un programa de rutas culturais e viaxes para persoas maiores, por continuar cos proxectos de acompañamento dixital para persoas con 65 e máis anos para reducir a fenda dixital ou por consolidar e ampliar o Carné +65.

O último eixo da estratexia, a intervención, define actuacións de apoio e acompañamento, tales como o fomento de vivendas compartidas de tipo cohousing ou coliving, programas de voluntariado específicos en materia de atención á soidade non desexada, a creación da figura de coordinadores de barrios e parroquias, a colaboración coas protectoras de animais para facilitar o coidado ou a adopción dunha mascota e a organización de cafés grupais.

Así mesmo, a conselleira salientou que entre as novas actuacións que se levarán a cabo para facer fronte a situacións de soidade non desexada, unha das máis inminentes será a posta en marcha “dun servizo multicanle”, que ademais de atender as chamadas que reciba fará un seguimento dos casos. Este servizo xestionarase en colaboración coa Cruz Vermella, que tamén habilitará puntos presenciais de atención e fará un seguimento das pautas e dos hábitos de vida de usuarios da teleasistencia avanzada para previr e atender situacións de soidade. “Poñerase en marcha nas vindeiras semanas” de forma piloto co seguimento de “mil persoas maiores de 65 anos”, indicou a conselleira.

R., 2025-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES