As cifras de investimento en programas formativos do persoal contra incendios veñen consolidar o esforzo realizado polo Goberno galego a través da Consellería do Medio Rural nesta materia no ano 2024. Nesa anualidade impartíronse 473 edicións de cursos, dirixidas a 11.447 participantes, con máis de 108.000 horas de formación. No período 2019-2024, o orzamento total dedicado á formación situouse en preto de 2,6 millóns de euros, o que permitiu desenvolver 159 cursos, con máis de 468.810 horas lectivas.
Seis programas de formación
O titular do Goberno galego destacou que de cara aos vindeiros anos, o Plan de formación e adestramento para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios (SPIF) estrutúrase en seis programas con novas ferramentas. En primeiro lugar, o catálogo de cursos monográficos, un programa de formación para o período 2025-2028 co obxectivo de mellorar a cualificación profesional do persoal, ofertando anualmente un catálogo de cursos monográficos, de diferentes temáticas relacionadas coa prevención e extinción de incendios forestais, conducentes á obtención dun diploma acreditativo desta formación. En segundo termo, un itinerario formativo profesional, que suporá a preparación diversificada e por grupos de categorías profesionais, que vai desde unha cualificación inicial ata a especialización do persoal.
O terceiro programa céntrase no adestramento do persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e está dirixido a mellorar a organización e a eficiencia no traballo. En cuarto lugar, establécese un apartado de formación a medios das entidades locais, que implica a preparación básica para o persoal adscrito aos concellos que participa nas tarefas de extinción de incendios forestais, como complemento aos cursos que poidan recibir desde a propia institución municipal.
O quinto programa está orientado a actuacións de sensibilización e información para a poboación, co obxectivo de informala das medidas preventivas, concienciala das obrigas establecidas na normativa e aconsellala sobre o comportamento a seguir ante os incendios forestais que poidan ter lugar nos seus lugares de residencia habitual.
O último programa, de divulgación, céntrase en actividades de sensibilización pública, dirixidas principalmente a escolares e alumnado de formación profesional, entre as cales se inclúen charlas, exposicións, visitas, demostracións etc.
Este esforzo en materia formativa enmárcase no Pladiga, que ten como principal finalidade reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
Creación da figura do xefe de loxística
Ademais, entre as novidades deste ano no Pladiga, Rueda salientou a incorporación, dentro do Plan de extinción, dunha nova figura, a de xefe/a de loxística. Trátase dunha nova figura, a nivel operativo, que desempeñarán técnicos ou axentes en incendios complexos. As súas funcións, entre outras, serán as de facilitar o desprazamento dos medios no lugar do incendio na localización das zonas de actuación e/ou destino indicado nas instrucións de traballo, supervisar e garantir o correcto funcionamento das comunicacións no incendio e xestionar o avituallamento dos medios en coordinación co persoal do Punto de Recepción de Medios (PRM) e o Centro de Coordinación de Distrito (CCD).
O xefe de loxística tamén se encargará de coordinar co CCD a xestión do aloxamento do persoal do SPIF que o necesitase e daqueloutras tarefas destinadas a facilitar a obtención de material, subministracións ou os servizos necesarios para o desempeño correcto das funcións dos medios que operan no incendio.
Rueda sinalou que un ano máis, o dispositivo de loita contra os incendios forestais en Galicia estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este dato é semellante ao das últimas campañas. Neste contexto, cómpre facer mención á mellora do reforzo do persoal, co aumento do tempo de traballo do persoal laboral fixo descontinuo, pasando a actuar oito meses no 2025 e nove meses no 2026.
Sobre os medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta de Galicia e os que achega o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais. Ademais, procurarase continuar co proceso de mellora e modernización dos medios de prevención e extinción. Neste sentido, cómpre lembrar que desde o ano 2013 se renovaron 137 motobombas do parque do SPIF e este ano está prevista a adquisición de tres novas unidades.
Plans preventivos nos parques naturais
En canto aos chamados obxectivos de control, mantense tamén a liña de campañas anteriores, e así establécense, entre outros, os de que a superficie queimada total, a arborada queimada, a total por lume e a queimada por lume se manteñan por baixo da media da última década. Tamén, que o número total de incendios estea por baixo da media dos últimos dez anos (situada nos 307), que os lumes que superen as 25 hectáreas queden por baixo do 2 % do total e que aqueles de menos de 1 ha sexan máis do 70 % do total.
Con respecto aos obxectivos específicos, cómpre salientar o incremento da superficie xestionada en materia de prevención, dado que, segundo apuntou o presidente, outra das novidades do Pladiga 2025 é a elaboración de plans preventivos nos seis parques naturais de Galicia, como áreas de actuación singularizada, compatibilizando a protección do patrimonio natural coa prevención dos incendios.
A actualización do Pladiga tamén avanza no desenvolvemento dunha ferramenta que permita coñecer con antelación o risco de lume para determinar as áreas estratéxicas en que deseñar estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de lumes e superficies queimadas, traballando este ano nos territorios de Pontevedra e Ourense a través do proxecto USE4FOREST do programa europeo Interreg-Sudoe.
Prevención, sensibilización e investigación
No que atinxe ao Plan de prevención, afondarase nos traballos de creación de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pista, na mellora de pistas forestais, nos tratamentos silvícolas preventivos e nas queimas prescritas. Ademais, levarase a cabo a revisión e o mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos polo territorio galego.
Dentro deste plan, hai que salientar o esforzo que se fai no Programa de sensibilización en centros educativos, e máis concretamente coa publicación do novo material divulgativo Os Bolechas. Os incendios forestais, cunha tirada de 3.500 exemplares do libro, 10.000 exemplares do caderno e outros 10.000 da unidade didáctica.
En relación co Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras salienta a actuación nas parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). No 2025 incorpóranse á listaxe do ano anterior dúas parroquias, as de Requeixo, no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, e Pontellas, no municipio pontevedrés do Porriño. Saen da listaxe dezaseis parroquias, co que o número total de PAAI no ano 2025 é de 26, e 24 delas repiten respecto da listaxe do ano pasado. Así pois, a cifra total diminúe en 14 con respecto ao 2024, no cal se rexistraron un total de 40 PAAI.