Noticias

Galicia avoga por situar a pesca e a acuicultura como piares centrais do Pacto Europeo dos Océanos

Galicia ratificou hoxe o seu apoio pleno ao Pacto Europeo dos Océanos como plataforma fundamental para unificar a súa gobernanza e aliñar a protección do medio ambiente co seu uso sostible, e avogou pola integración plena da pesca e da acuicultura como piares centrais dese acordo. Durante un evento no Comité Europeo das Rexións celebrado en Bruxelas este mediodía, a directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Rosa Chapela Pérez, defendeu que os sectores pesqueiro e acuícola sostibles 'non representan unha ameaza para a saúde dos nosos océanos'. Polo contrario, afirmou, 'son aliados esenciais para manter o seu equilibrio'.

A responsable do Cetmar interveu en representación da Consellería do Mar nunha xornada de alto nivel organizada pola Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento en colaboración co Comité Económico e Social Europeo. O seu obxectivo era explorar como o vindeiro Pacto Europeo polos Océanos contribuirá á sostibilidade global destes, isto na antesala da terceira Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC-3), que terá lugar en Niza no mes de xuño.

Neste marco, Rosa Chapela insistiu na importancia de que o devandito pacto recoñeza e apoie á pesca artesanal e a pequena escala, ao marisqueo e a acuicultura sostibles como factores “clave” que contribúen á resiliencia costeira, á seguridade alimentaria e ao patrimonio cultural, recoñecendo ademais o seu papel no cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14 (ODS), a resiliencia climática e a soberanía alimentaria.

Na súa intervención, a directora do Cetmar fixo un repaso ás aportacións de Galicia ao Pacto Europeo para os Océanos, que resumiu en catro piares básicos: “unha gobernanza sólida e unha planificación espacial marítima integrada; na gobernanza do océano centrada nas persoas; sistemas alimentarios azuis sostibles e inclusivos e inversión en ciencia, innovación e desenvolvemento de capacidades”.

Recordou que Galicia colabora estreitamente co Goberno español cara unha planificación espacial marítima que garanta un equilibrio xusto entre todos os usos do océano, unha visión integrada que, afirmou, “minimiza os conflitos e maximiza as sinerxías” e defendeu o mar coma un piar cultural, social e económico. “Avogamos por un Pacto que sitúe ás comunidades costeiras no centro, garantindo o traballo decente, o relevo xeracional e o recoñecemento do papel das mulleres na economía azul”.

Neste punto, a directora do Cetmar referiuse aos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) que forman parte dunha rede europea máis ampla e que, apuntou, “ofrecen un modelo probado de gobernanza comunitaria de abaixo a arriba” e que, engadiu, “poden axudar a por en marcha este Pacto sobre o terreo”.

Aliñar o crecemento da economía azul coa acción climática, garantir un acceso equitativo á financiación e a formulación de políticas da Unión Europea para rexións costeiras como Galicia ou investir en ciencia, innovación e formación para apoiar á xestión e a resiliencia dun océano cambiante foron outros dos compromisos suxeridos por Galicia para a súa inclusión explícita no Pacto para os Océanos.

R., 2025-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES