Noticias

O espectáculo do Centro Dramático Galego 'Manuela Rey is In Da House' regresa a Galicia para unha xira por oito escenarios

O Centro Dramático Galego inicia a semana que vén a xira por Galicia do espectáculo Manuela Rey Is In Da House, que poderá verse ata mediados de maio en oito escenarios das catro provincias. As dúas primeiras paradas do percorrido serán a do mércores 30 en Ribeira e o xoves 1 en Pontevedra, onde hoxe se presentou esta coprodución galego-portuguesa que recupera a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX. Fran Núñez, director da unidade teatral e da peza, participou nesta rolda de prensa.

Neste senso, explicou que a montaxe foi creada conxuntamente co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, afondando así na estreita relación que o Centro Dramático Galego mantén coas principais estruturas da escena lusa no marco do seu traballo a prol da internacionalización do noso teatro e dos seus profesionais.

En Manuela Rey Is In Da House, esta conexión galego-portuguesa esténdese tanto á composición dos equipos artístico e técnico como á propia temática, inspirada na historia da actriz Manuela Rey, nacida en Mondoñedo en 1842 e falecida en Lisboa en 1866, aos 23 anos de idade.

Novo calendario de representacións

Despois da súa estrea a finais de 2023 no Festival de Teatro Viana do Castelo, para se presentar en 2024 en Santiago de Compostela, así como noutros certames portugueses, esta primavera Manuela Rey Is In Da House regresa a Galicia para unha xira co seguinte calendario: 30 de abril ás 21,15 h. no Auditorio Municipal de Ribeira, 1 de maio ás 21,00 h. no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, 2 de maio ás 20,00 h. no Auditorio Municipal de Vigo, 3 de maio ás 20,30 h. no Teatro Rosalía Castro da Coruña, 8 de maio ás 20,30 h. no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, 10 de maio ás 20,30 h. no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, 15 de maio ás 20,15 h. no Auditorio do Edificio Multiúsos de Monforte de Lemos e 16 de maio ás 20,00 h. no Teatro Principal de Ourense.

Ao igual que sucedera na vida da propia Manuela Rey, o espectáculo emprega en escena as linguas e os talentos artísticos e técnicos tanto de Galicia como de Portugal. Pola banda galega, Merce Castro, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga do Incipit-CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente.

A misteriosa muller lirio

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”.

Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde triunfou no Teatro Nacional D. María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe.

R., 2025-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES