
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación oficial da IX edición do Festival Internacional Kerouac de Poesía en Nova York, un encontro cultural que conta co apoio da Xunta de Galicia e que serve como ponte poética entre Galicia e América.
O acto celebrouse na sede da Casa Galicia en Nova York, e contou coa intervención do poeta galego e director do festival, Marcos de la Fuente, a artista Vanesa Álvarez, organizadora da cita en Nova York, así como a poeta e tradutora Annalisa Pegrum e o poeta galego residente na cidade, Manuel Mata.
Durante a súa intervención, o representante da Xunta puxo en valor a traxectoria consolidada do Festival Kerouac como referente internacional da poesía escénica en galego e destacou o seu papel como ferramenta de internacionalización cultural que permite afianzar os vínculos coas comunidades galegas do exterior, especialmente nos Estados Unidos.
A IX edición do festival celebrarase os días 8 e 9 de maio nos espazos Flamboyán The Clemente e The Francis Kite Club, e contará cunha ampla programación de recitais poéticos, música e performances escénicas, con presenza de autores e artistas de Galicia, Estados Unidos, Latinoamérica e outros países.
O Festival Kerouac, que naceu en Vigo no ano 2010, estendeuse nos últimos anos a outras cidades como Nova York ou Cidade de México, converténdose nun referente da poesía oral e escénica contemporánea. A cita neoyorquina suma xa nove edicións e consolidouse como un evento cultural de referencia para a diáspora galega e para o público estadounidense amante da poesía e das artes vivas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.