Noticias

Galicia presenta o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común

A Xunta presentou ao conxunto do sector pesqueiro galego, no marco da celebración do Consello Galego de Pesca, o seu Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da PPC no que se establecen as prioridades da comunidade ante o proceso aberto o ano pasado ano pola Comisión para a súa avaliación. O encontro foi presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen resaltou o traballo realizado polo Goberno galego, da man do conxunto da cadea mar-industria, na elaboración da folla de ruta galega. Villares sinalou que este decálogo vén a reformular o Ditame aprobado por unanimidade polo Consello no 2022.

Entre as prioridades están a actualización do concepto de zona altamente dependente da pesca para que as zonas recoñecidas teñan un trato diferenciado encamiñado a preservar a actividade marítimo-pesqueira mediante unha distribución preferente das cotas de pesca.

A potenciación da remuda xeracional, a dotación dunha definición ampla da pesca artesanal, apropiada á idiosincrasia de cada conca marítima así como a adopción dun enfoque ecosistémico da actividade pesqueira que permita mellorar a súa xestión. Tamén a preservación do patrimonio marítimo ou o fomento da economía azul que sitúe as actividades da pesca, do marisqueo e da acuicultura no centro do deseño destas políticas.

Nesta liña, outra das demandas é a necesidade de establecer uns obxectivos realistas que permitan abordar os retos ambientais e enerxéticos derivados da adaptación ao cambio climático. Así, avógase por impulsar a investigación relativa á interacción entre as mudanzas ambientais e as poboacións de peixes e serva tamén para mellorar o análise do estado das pesqueiras coa finalidade de desenvolver máis e mellores ferramentas de xestión adaptadas. Tamén pola mobilización de suficientes recursos para a modernización e descarbonización da frota, incrementando a súa resiliencia enerxética e independencia dos combustibles fósiles.

Rexionalización PPC

Alfonso Villares valorou o procedemento de avaliación impulsado polo executivo comunitario como unha oportunidade para apostar por unha rexionalización da toma de decisións na PPC. Unha descentralización que permita unha xestión pesqueira eficaz e que implique a reformulación da cooperación entre as partes interesadas e a garantía dunha participación proactiva das autoridades rexionais na toma de decisións xunto as institución comunitarias, comunidade científica, representantes do sector e as ONG. Unha reivindicación compartida no marco da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) no que Galicia preside o Grupo de Traballo de Pesca.

Level Playing Field

O conselleiro trasladou o sector que outro piar da folla de ruta autonómica é a demanda de dotar de protección ao mercado interior europeo que permita garantir a soberanía alimentaria do continente. Un punto que uniu a importancia de que tamén rexan os principios do level playing field para que a frota comunitaria opere en igualdade de condicións respecto a terceiros países. Aspectos que estarán na axenda no seu novo encontro co Comisario de Pesca, Costas Kadis, que terá lugar a vindeira semana na capital comunitaria, o terceiro desde que o chipriota tomou posesión.

Novos aranceis

“O Pleno do Consello Galego de Pesca manifesta a súa máxima preocupación ante a imposición dunha nova política arancelaria que prexudicará de forma notoria ao complexo mar-industria de Galicia”. Nestes termos se expresou o sector ante o anuncio do goberno de Estados Unidos de incrementar nun 20% os aranceis aos produtos procedentes da Unión Europea. Entre 2021 e 2024, Galicia exportou produtos do grupo "03 Peixe, Crustáceos, Moluscos, 1604 Preparacións e conservas de pescado, 1605 Crustáceos, moluscos e demais ingredientes, 1504 Graxas e aceites, e seus fraccións, 230120 Fariña e pellets de peixe cru" a Estados Unidos, alcanzando un total de 252,51 millóns de euros en exportacións.

R., 2025-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES