Noticias

Galicia e Cantabria reafirman a súa alianza para esixir un financiamento autonómico xusto e unha xestión equilibrada do lobo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro coa súa homóloga cántabra, María José Saénz de Buruaga, no que ambos reafirmaron a súa alianza común en relación a un financiamento autonómico equitativo e á xestión equilibrada do lobo. Os mandatarios subliñaron a boa sintonía entre os territorios e acordaron traballar xuntos polo desenvolvemento territorial e o benestar dos idadáns. Rueda e Buruaga reiteraron o seu compromiso coa Declaración de Santiago, que en novembro de 2021 asinaron oito comunidades autónomas de diferentes signos políticos, para reclamar un modelo negociado multilateralmente e baseado no custo real dos servizos públicos e en outros criterios obxectivos.

O presidente galego sinalou que é “máis importante que nunca volver reafirmar que seguimos de acordo neses principios que nos unen” e que “non queremos ser máis que ninguén pero desde logo non imos admitir ser menos”.

Rueda apostou polo diálogo e por chegar entre todos a “obxectivos comúns”, sinalando que o encontro de hoxe serve para lanzar unha mensaxe clara “a quen ten a obriga incumprida de sentarnos a todos”. “Queremos sentarnos para falar”, sinalou, “dun novo modelo de financiamento no que Galicia vai reclamar non menos de 500 millóns” máis ao ano.

Subliñou que a comunidade xestiona os seus recursos con responsabilidade e que non vai permitir que “se nos trate como unha comunidade de segunda” para rescatar a outros “a calquera costa, á nosa costa”.

Sobre a mutualización da débeda sinalou que, tal e como está proposta, a Galicia só lle supón o aforro de xuros, e non serve para poñer en marcha novas actuacións. Apuntou, ademais, en relación á reunión técnica co ministerio prevista para o vindeiro 21 de abril, que a Xunta acode sempre aos encontros co Goberno, pero que se só é para falar da débeda e nada máis “a nós non nos interesa e aí acabou a reunión”.

Xestión equilibrada do lobo

No referido á xestión do lobo, ambos gobernos coincidiron na necesidade dun modelo equilibrado que garanta a conservación da especie sen poñer en risco a gandería extensiva, esencial para o desenvolvemento do medio rural.

Rueda sinalou que é posible a “coexistencia” sen caer en posturas maximalistas e sen que se tomen decisións “en base a cuestións ideolóxicas sen ter en conta aos que están sobre o terreo”. Así, avogou por “preservar a presenza do lobo” dun xeito “ordenado e coordinado e que non poña en perigo as actividades humanas” no medio rural.

Ambas administracións acordaron fortalecer a súa cooperación mediante o intercambio de datos e experiencias, ademais de promover solucións técnicas que permitan a convivencia entre a fauna silvestre e a actividade do sector primario.

R., 2025-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES